A Rede galega lembra este 17 de maio a Roberto Vidal Bolaño

venres, 17 de maio do 2013 Redacción

A Rede galega homenaxea este 17 de maio a Roberto Vidal Bolaño, o dramaturgo e actor compostelán homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, autor de obras tan importantes para a renovación do noso teatro como por exemplo Laudamuco, señor de Ningures, Días sen gloria ou Doentes, entre outras moitas. Bolaño aparece hoxe reflectido en múltiples espazos web e dende moi diversos puntos de vista, cousa que non fai máis que confirmar a riqueza e complexidade do seu legado, fornecedor de innumerábeis lecturas, aínda que sempre co nexo común do compromiso social, a crítica política, a comunicación directa co público, a busca de novas linguaxes e códigos expresivos e, tamén, a defensa irrevogábel do galego.
A obra e a vida de Vidal Bolaño centra este venres a achega informativa de medios como Praza.com (o percorrido audiovisual pola súa traxectoria artística), Sermos Galiza (Vidal Bolaño, a luz que non se apaga) ou Galicia Confidencial (alumando escuras actas); artella tamén a contribución de páxinas web de entidades vinculadas á cultura galega, como a do Consello da Cultura Galega, a da asociación que leva o nome do escritor compostelán (unha das páxinas máis activas e comprometidas coa divulgación do legado de Vidal Bolaño), a da Universidade de Santiago (que estes días achega unha completa análise, a xeito de bitácora, das obras do autor de As actas escuras), a da Real Academia Galega (que conmemorou este xoves o Día das Letras Galegas en Santiago, cun concerto-recital, ao tempo que homenaxeou a Vidal Bolaño) ou a da Secretaría Xeral de Política Lingüística (que forneceu en liña certames-exposicións, xogos, material didáctico, vídeos e demais recursos para o seu aproveitamento coa comunidade educativa). Salientar tamén as contribucións da Escola Superior de Arte Dramática ou do Centro de Estudos Galegos da UCM, que comprometeuse a informar en detalle das principais características do dramaturgo compostelán en diferentes recantos de Madrid.

PUBLICIDADE