A Rede galega amosa o seu compromiso co Día Mundial do Medio Ambiente (este sábado)

venres, 4 de xuño do 2010 Fernando Sarasketa

Este sábado 5 celébrase a nivel internacional unha xornada ben significativa para o noso futuro e que, tanto no papel como a nivel práctico, vai dirixida a que tomemos máis conciencia dos problemas medioambientais que nos conducen, de non variarmos o rumbo, directamente cara o quecemento climático e a desaparición de ducias de milleiros de especies animais e vexetais. Falamos do Día Mundial do Medio Ambiente, unha celebración que non é tal (posto que pouco hai que celebrar, tendo en conta a situación do planeta), e que na Rede galega semella estar atopando unha ampla repercusión. Para comezar, o labor de ADEGA, que na súa web anima á comunidade internauta a participar na mobilización do domingo (ás 12 horas no Obradoiro, en Compostela) e que ofrece en libre descarga o manifesto da xornada (en pdf).
Á achega de ADEGA (que representará en Santiago os efectos dunha promoción urbanística sen xeito, con construcións efémeras incluídas), cómpre engadir a de A viaxe polar (proxecto de divulgación que chega a Santiago da man do fotógrafo ferrolán Carlos Caraglia, máis polo miúdo á praza da Quintana cunha proxección nocturna a desenvolver na noite do venres ao sábado) ou a do Ateneo Ferrolán, que no seu blog informa da apertura este sábado dunha interesante escolma fotográfica sobre medio ambiente.
Asemade, cómpre sinalar as contribucións de Caixanova (que achega datos na Rede sobre a apertura de portas do seu centro Naturnova, con motivo da celebración deste 5 de xuño), do Museo do Mar de Galicia (poñendo en xogo obradoiros científicos e descargas), o Parque Tecnolóxico de Galicia (que organiza dende a súa web un concurso fotográfico sobre o noso medio natural) ou o CEIDA, que dende a súa páxina promove unha xornada de rutas e obradoiros por diversas paraxes naturais galegas e co apoio de diversas asociacións.

PUBLICIDADE