A Rede de Telecentros retoma a actividade formativa con cursos en Carballiño, Lugo, Ourense e Becerreá

venres, 4 de setembro do 2009 Fernando Sarasketa

Logo da pausa formativa do mes de agosto, a Rede de Telecentros de Comunicación vén de retomar a actividade divulgativa cunha serie de cursos vinculados ás novas tecnoloxías do coñecemento, a comunicación, a creatividade e a xestión de recursos enerxéticos. As iniciativas, que se desenvolverán ao longo deste mes de setembro en diferentes puntos da Rede, xorden co obxectivo de tirar proveito das características tecnolóxicas e de emprazamento das aulas para poñer a sociedade dixital o máis preto posible da veciñanza. Por certo que o programa comezará no Carballiño, este luns 7 de setembro, cun curso de informática como ferramenta de axuda aos estudos. A iniciativa, organizada polo departamento de Xuventude do Concello en colaboración coa Secretaría Xeral de Medios (da que depende a Rede de Telecentros), desenvolverase do 7 ao 11 de setembro en horario de 11.00 a 13.00 horas.
A continuación, será o espazo de conexión de Lamas de Prado, en Lugo, o que dea acubillo á seguinte actividade de divulgación. Desta volta, trátase dun curso sobre fotografía incluído dentro do ciclo formativo sobre fotografía e vídeo, a organizar os días 14 e 15 de setembro en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas. As sesións correrán a cargo da Asociación de Fotógrafos Profesionais de Lugo.
Maior extensión no tempo terá a iniciativa preparada para o Telecentro de Ourense, que albergará a partir do 14 de setembro un curso sobre enerxías renovables e novos xacementos de emprego. A actividade, organizada polo Concello, a Fundación Biodiversidade e o Fondo Social Europeo (coa colaboración da Consellería de Medio Ambiente) inclúe 30 horas de sesións formativas a desenvolver en horario de 17.00 a 21.00 horas durante as seguintes xornadas: 14, 15, 16, 17, 18, 21, 22, 23, 24 e 25 de setembro.
Para rematar esta primeira achega divulgadora da Rede de Telecentros, sinalar que a partir do 15 de setembro está programado no espazo de acceso de Becerreá un curso sobre informática básica dirixido a todas aquelas mulleres que estean interesadas en introducirse nas vantaxes e segredos do manexo dos recursos da Sociedade do Coñecemento.
A actividade en cuestión, organizada polo Concello de Becerreá en colaboración co Servizo Galego de Igualdade, desenvolverase do 15 de setembro ao 19 de outubro en horario de 10.00 a 14.00 horas.
O curso prográmase a través de distintos módulos: Introdución á informática, Windows XP ou sistemas operativos equivalentes. Office xp procesador de textos, folas de cálculo, Internet, Correo electrónico, módulos de igualdade de oportunidades e orientación profesional.

PUBLICIDADE