A Rede de Telecentros festexa as nosas letras cos nenos e nenas de Primaria e Secundaria

luns, 11 de maio do 2009 Fernando Sarasketa

Convertidas hoxe en algo máis que espazos públicos de acceso á Rede, en boa medida grazas a aquilo que flúe na Rede, a cultura, as dúas redes galegas de promoción e uso de Internet están estes días a tomar posicións arredor dun feito que directamente lles toca de preto, o Día de Internet, e outro que o fai de xeito indirecto pero non por iso menos importante para elas, o Día das Letras Galegas. Precisamente esta dupla festividade do 17 de maio é o miolo das actividades que vén de presentar a Rede de Telecentros de Comunicación de Presidencia, máis polo miúdo do seu programa As Letras na Rede. Esta iniciativa, como o seu propio nome indica, diríxese a celebrar a máis que significativa confluencia de factores do día 17 de maio (cultura galega plus Sociedade da Información) nunha parte representativa dos emprazamentos integrantes da Rede: Melide, O Barco de Valdeorras, Verín, Marín, A Cañiza, Redondela, Lalín, Viveiro, A Fonsagrada, Guitiriz, Abegondo, Vimianzo, Lugo, A Estrada, Oroso e Santiago.
Segundo informa a Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual (o departamento responsable da Rede, integrado á súa vez en Presidencia), unha boa parte do programa xirará arredor de autores como Rosalía de Castro ou Álvarez Blázquez, amais do homenaxeado este ano na festa das Letras, Ramón Piñeiro. A idea é mobilizar con estas actividades a cativos/as e adolescentes do xeito máis directo posible: convertendo a máis que inevitable procura de información sobre o autor e investigador festexado nesta convocatoria do 17 no pretexto máis oportuno para estar na Rede e tirar o máximo proveito dela e das canles que achega. Cada nena/o e moza/o convocado terá, grazas a esta iniciativa, a oportunidade de entrar de cheo no emprego responsable e útil das novas tecnoloxías e, máis polo miúdo, das súas posibilidades de comunicación. Así, unha das accións fundamentais incluídas consiste en favorecer que interactúen entre eles a través de videoconferencia dende os Telecentros de Comunicación (TC) das devanditas localidades.
Asemade, informan os responsables da rede, haberá espazo para pequenas representacións teatrais de creación propia como a compañía Luz de Estrelas da Escola Municipal de Teatro de Lalín, ou para un proxecto dun grupo de anciáns de Marín, recuperando cancións e contos da súa nenez e que compartirán cos nenos de Primaria de Verín.
O programa de actividades, inserido á súa vez no marco de Comunícate (estratexia da propia Rede de Telecentros para favorecer o uso de videoconferencia dende 16 puntos diferentes da nosa xeografía), apóiase en boa medida nun uso e vertente cultural da Internet ou, indo máis alá, nun escenario onde xa non se entenda o coñecemento sen a Rede. Con este fin e co de promover as posibilidades de diálogo que subministran novas ferramentas, faise fincapé nos beneficios da videconferencia, “un dos grandes recursos que ofrecen estas aulas de uso público”, informa a devandita Dirección Xeral. E prosegue, facendo referencia directa a Comunícate: “A través da campaña búscase que os Telecentros se incorporen como alternativa cotiá na axenda de tempo de lecer da cidadanía e que se constitúan en focos dinamizadores de acceso ás tecnoloxías, co fin de crear unha comunidade virtual que fomente a autoxeración de actividades por parte dos usuarios”. Os vídeos e un resumo das actividades poderanse ver na comunidade da Rede de Telecentros de Comunicación.
Calendario de actividades de As Letras na Rede
Luns 11 de Maio. De 11:30 a 12:30 h - videoconferencia entre o CEIP nº1 de Melide e o CIP Xulio Gurriarán de O Barco de Valdeorras. TC de Melide. Edificio Multiusos - Praza das Universidades s/n. TC de O Barco de Valdeorras. Concello de O Barco. R/ Praza do Concello nº 2-2º piso. CP: 32300.
Martes 12 de Maio- De 11:30 a 12:30h -videoconferencia entre o CIP de A Cañiza e o CEIP X.Gurriarán de O Barco de Valdeorras. TC de A Cañiza. Casa da Cultura. Rúa do Progreso s/n. CP: 36680. TC de O Barco de Valdeorras. Concello de O Barco. R/ Praza do Concello nº 2-2º piso. CP: 32300
Martes 12 de Maio- De 18:00 a 19:30h - videoconferencia entre a Escola Municipal de Teatro de Lalín e o IES de Chapela (Redondela).TC de Lalín. Auditorio Municipal. Rúa do Parque, s/n. CP: 36500. TC de Redondela. Edificio Multiusos. Paseo A Xunqueira, s/n. CP: 36800.
Mércores 13 de Maio- De 11:30 a 12:30h.- videoconferencia entre o IES Leiras Pulpeiro de Lugo e o Colexio Pérez Viondi de A Estrada.TC de Lugo. Centro Social Lamas de Prado. Praza de Castiñeiro s/n. CP:27004. TC de A Estrada. Centro Multiusos. Avda. Benito Vigo nº94. CP:36680.
Mércores 13 de Maio- De 11:30 a 12:30 h- videoconferencia entre o IES Fontem Albei de A Fonsagrada e o IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz. TC de A Fonsagrada. Casa da Cultura. R/ Chaos s/n. CP: 32.500. TC de Guitiriz. Rúa do Concello s/n.
Xoves 14 de Maio- De 11:30 a 12:30h -videoconferencia entre o IES Vilar Ponte de Viveiro e a Compañía de Teatro “Vainodentista” de Santiago(Aula do Centro Multimedia de Galicia). TC de Viveiro. Claustro de San Francisco. Avda. de Cervantes s/n. CP: 27850. TC de Santiago de Compostela. R/ Hórreo, 61. CP:15702.
Xoves 14 de Maio- De 10:15 a 12:00 h- videoconferencia entre o CEIP San Marcos de Abegondo e o CEIP San Vicenzo de Vimianzo. TC de Abegondo. Casa do Concello. R/ San Marcos 1. CP:15318. TC de Vimianzo. Centro Social de Vimianzo. R/ Blanco Rajoy s/n. CP: 15129.
Venres 15 de Maio- De 12:30 a 13:30 h- videoconferencia entre o CEIP Martagona de Melide e o CEIP Sigüeiro de Sigüeiro (Oroso). TC de Melide. Edificio Multiusos - Praza das Universidades s/n. TC de Oroso. Rúa do Deporte nº9.
Venres 15 de Maio- De 18:00 a 19:30 h- videoconferencia entre os nenos de Primaria da Biblioteca Pública Municipal de Verín con compoñentes da AA.VV Mogor e a Residencia da Terceira Idade de Marín. TC de Verí­n. Casa da Xuventude. Avda. Portugal nº 11 CP:32600. TC de Marín. Biblioteca Pública Municipal Vidal Pazos. Avenida de Ourense nº8.

PUBLICIDADE