A Rede de Dinamización presenta o seu programa para xullo en Vilasantar

xoves, 25 de xuño do 2009 Raquel Noya

Un par de cativos no Centro de Dinamización de Vilasantar

A Rede de Dinamización da Sociedade da Información, que onte anunciaba as actividades previstas para o vindeiro mes de xullo en Moaña, hoxe fai o propio co Concello de Vilasantar, onde coa colaboración deste último, vai levar a cabo unha serie de obradoiros tecnolóxicos aos que poden asistir libremente e de balde todas e todos os veciños da vila interesados en introducir as novas tecnoloxías na súa vida cotiá.
-Debuxo por ordenador: os usuarios que asistan a este obradoiro sairán preparados para facer debuxos sinxelos co seu ordenador empregando distintas ferramentas. Desenvolverase de luns a venres, do 1 ao 3 de xuño, en horario de 11 a 13 horas.
-Mecanografía: esta actividade pretende capacitar aos usuarios e usuarias para que sexan quen de escribir con todos os dedos e sen mirar ao teclado do computador. As clases desenvolveranse de luns a venres, do 6 ao 10 de xuño, en horario de 11 a 13 horas.
-Wikipedia: Enciclopedia en Internet: este obradoiro pretende facer que as persoas asistentes teñan unha visión xeral dunha enciclopedia colaborativa en liña e poidan procurar, editar e compartir artigos. Vai ter lugar os días 13 e 14 de xuño, de 11 a 13 horas.
-Ferramentas TIC de apoio educativo: ao finalizar este obradoiro, os usuarios e usuarias estarán capacitados para facer calquera traballo escolar empregando as Novas Tecnoloxías. Desenvolverase de luns a venres, do 15 ao 21 de xuño, en horario de 11 a 13 horas.
Asemade, está prevista a realización da charla Atopa traballo a través de Internet. Esta cita, que terá lugar o día 24 ás 11:00 horas na aula da Rede no Concello de Vilasantar, consistirá nunha demostración práctica do funcionamento dun portal de procura de emprego.
O prazo de inscrición para todas estas actividades manterase aberto dende hoxe ata o vindeiro 3 de xullo.
Os interesados en escribirse ou solicitar máis información sobre estas e outras actividades poden dirixirse ao Centro de Dinamización de Vilasantar, ou chamar ao teléfono 981 778 169 ou contactar por correo electrónico.

PUBLICIDADE