A Rede albergará obras inéditas de Alexandre Bóveda para a súa consulta libre

mércores, 15 de decembro do 2010 Raquel Noya

Logo de moitos meses de traballo catalogando, ordeando e dixitalizando documentos que doutra maneira acabarían destruídos polo inevitable paso do tempo, a Cátedra Alexandre Bóveda vén de subir á Rede ata 730 pezas inéditas da figura que leva o seu nome para a súa consulta libre por parte de investigadores ou internautas interesados no autor.
Os documentos, que foron cedidos pola propia familia Bóveda para facilitar os labores de investigación, poderanse consultar directamente na web creada a tal efecto en Internet, que estará a disposición de toda a comunidade internauta a partir desta semana.
As persoas interesadas na figura de Alexandre Bóveda poderán solicitar a través da Rede documentación pertinente que lles poida interesar para as súas investigacións, así como acceder á mesma dunha maneira moi cómoda.
Asemade, todos eses arquivos que pertenceron a Alexandre Bóveda teñen tamén a súa manifestación en papel a través do libro Alexandre Bóveda nos seus documentos. Catálogo, que recolle características persoais e de pensamento do mesmo.
A creación da web e máis a publicación deste libro teñen como finalidade contribuír á recuperación da figura de Alexandre Bóveda, e complementaranse cunha exposición con material inédito e obxectos que pertenceron en vida ao propio artista, que estará ubicada no Pazo de Cultura de Pontevedra.

PUBLICIDADE