A Radio Galega dará conta dos avances da Deputación de Pontevedra no eido das TIC

venres, 8 de novembro do 2013 Marcus Fernández

O programa Banda Ancha da Radio Galega, galardoado cun Premio INNOVA-G, continúa co seu labor de difusión da tecnoloxía en Galicia, polo que este sábado a partires das 15:05 horas realizará un repaso da actualidade da semana, grazas á colaboración de Código Cero, aproveitando a ocasión para conversar con Amancio Varela, xefe do Servizo de Novas Tecnoloxías da Deputación de Pontevedra, quen fará un repaso dos avances en materia tecnolóxica que está a desenvolver o organismo provincial de cara a ofrecer uns mellores servizos aos cidadáns e avanzar no eido da eAdministración.
Lembremos que nos últimos anos a Deputación de Pontevedra puxo en marcha o proxecto eDepo, para o que tivo que dotarse dunha importante infraestrutura tecnolóxica dende a que achegar os seus servizos electrónicos; tamén construíu novos centros de proceso de datos; e incluso encabezaron iniciativas como o proxecto Repoblar para achegar o acceso á Rede ao rural pontevedrés.
No programa radiofónico desta semana tamén se conversará con Ángela Milla, responsable de Digital Business de AXA España, para dar a coñecer as novas aplicacións móbiles da súa compañía; saudarase a Daniel Moreiras, un dos responsables dun vídeo que está a converterse en todo un fenómeno viral na Rede (superando xa as 100.000 reproducións en YouTube); e pechará o programa Pablo Grandío, de Vandal.net, dando conta dalgunhas novidades do sector dos videoxogos.

Amancio Varela conversando con Xosé María Fernández Pazos ante os micrófonos da Radio Galega

PUBLICIDADE