A RAGC premia a un investigador do CITIC pola súa contribución ao achado dun novo tipo de estrelas

xoves, 24 de setembro do 2020 Redacción

O investigador do CITIC Raúl Santoveña vén de ser galardoado pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) co Premio de Investigación 2020 na categoría de investigadores mozos pola súa participación no descubrimento dun novo tipo de estrelas ricas en fósforo, que poderían axudar a explicar a orixe deste elemento químico na nosa galaxia e a súa posible relación co xurdimento da vida na Terra.
Este traballo foi publicado recentemente na revista Nature Communications e parte do descubrimento realizado por un equipo multidisciplinar formado pola astrofísica Minia Manteiga e o enxeñeiro informático Carlos Dafonte, ambos investigadores do Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña (o CITIC), xunto con investigadores do Instituto de Astrofísica de Canarias (IAC).
O recoñecemento outorgado pola RAGC está dotado con 2.000 euros. Os premios serán entregados durante a celebración do Día da Ciencia en Galicia, o vindeiro 8 de outubro. Os galardóns, que chegan este ano á súa vixésimo novena edición, levan o nome Premios de Investigación Ernesto Viéitez.
Nesta edición, como fixemos saber recentemente dende Código Cero reflectindo as restantes distincións da RAGC para este ano tamén serán recoñecidos o investigador da UVigo Jesús Balado (Grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas), os investigadores do CiMUS Diana Guallar e Miguel Fidalgo e máis o investigador do Grupo Nanobiomol do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares CiQUS, Esteban Suárez.

PUBLICIDADE