A RAGC entrega as Medallas de Investigación

mércores, 4 de outubro do 2023 S. P.

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou esta mañá no pazo de Fonseca, en Santiago, o acto do Día da Ciencia en Galicia, no que se homenaxeou ao economista Manuel Colmeiro y Penido (Santiago de Compostela, 1818 – Madrid, 1894) como Científico Galego do ano 2023. Ademais, entregáronse as Medallas de Investigación a Aurora Grandal, medalla na sección de Química e Xeoloxía; David Posada, premiado en Bioloxía e Ciencias da Saúde; Jesús Salgado, premiado en Ciencias Económicas e Sociais; Fernando Obelleiro, no eido das Ciencias Técnicas e o investigador do CITIC da UDC Ricardo Cao, medalla de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación.

Participantes

No evento interviron o presidente da Academia, Juan Lema; e o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López. Asistiron ademais a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación da Universidade de Vigo, Belén Rubio; o secretario do Consello da Cultura Galega, Silvestre Gómez; Francisco Díaz-Fierros, membro da Real Academia Galega; así como académicas e académicos da RAGC e representantes de diversas institucións políticas, educativas, culturais e de investigación galegas.

Sobre Manuel Colmeiro
O presidente da Academia resaltou o feito de que a elección do Científico Galego do Ano recaeu por primeira vez no ámbito das Ciencias Sociais. “O profesor Manuel Colmeiro é unha personalidade extremadamente activa que xogou un rol clave na Galicia e España da segunda metade do século XIX, nunha etapa particularmente convulsa. O seu legado é enorme nas súas diferentes facetas como historiador, administrativista, xurista, político... pero en especial na súa escolla como científico do ano primou o seu perfil de economista comprometido coa sociedade. Foi un activista social convencido de que o papel transformador da ciencia, neste caso da economía, é o de loitar por unha sociedade máis próspera e xusta. Un obxectivo que compartimos ferventemente” -salientou Lema.
Durante o evento proxectouse o vídeo Manuel Colmeiro, unha forza de cambio económico e social, no que se aborda a traxectoria vital e profesional do homenaxeado. E presentouse a revista da Academia A Ciencia en Galicia, dedicada neste número a Colmeiro, e na que se recolle ademais a principal actividade da Academia e os fitos científicos máis relevantes no último ano na nosa comunidade.
Juan Ramón Quintás, catedrático de Análise Económica e académico da RAGC, impartiu a conferencia Manuel Colmeiro, un economista gallego en el Madrid decimonónico.

As medallas

Co gallo do Día da Ciencia en Galicia a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) quixo recoñecer coas Medallas de Investigación a cinco científicas e científicos galegos en activo das universidades de Santiago de Compostela (USC), A Coruña (UDC) e Vigo (UVigo). Coa quinta edición deste galardón, quérese valorar as traxectorias senlleiras e consolidadas en investigación, desenvoltas en Galicia, amais de fomentar a promoción da ciencia e a tecnoloxía galegas para tratar de difundir á sociedade o aprecio polos valores científicos.

Os premiados foron Aurora Grandal, medalla na sección de Química e Xeoloxía; David Posada, premiado en Bioloxía e Ciencias da Saúde; Jesús Salgado, premiado en Ciencias Económicas e Sociais; Fernando Obelleiro, no eido das Ciencias Técnicas e Ricardo Cao, medalla de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación.

Ricardo Cao Abad (A Coruña, 1965), recibiu a medalla Enrique Vidal Abascal, da sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación. Catedrático de Estatística e Investigación Operativa na Universidade da Coruña, amais de investigador do CITIC, a Academia recoñece a aplicación dos seus traballos en campos tan relevantes como a computación, xenética, neurociencia, oncoloxía, enerxía ou a matemática financeira. Ten desenvolto unha intensa actividade en consultaría estatística en ciencias da saúde, no contexto da enxeñaría naval, no sector comercial e na industria. Desde marzo de 2020 preside o comité de expertos da Acción Matemática contra o Coronavirus, creado polo Comité Español de Matemáticas. Foi nomeado Fellow do Instituto de Estatística Matemática e galardoado coa Medalla da Sociedad de Estadística e Investigación Operativa. Na actualidade lidera un proxecto do Instituto Nacional de Estadística (INE) para a mellora do procesamento de datos.

Fernando Obelleiro Basteiro (Forcarei-Pontevedra, 1968), catedrático da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo foi elixido pola sección de Ciencias Técnicas para recibir a medalla Isidro Parga Pondal. Co seu equipo desenvolveu un método no ámbito do electromagnetismo computacional que supuxo un cambio na dirección das investigacións neste eido. As súas contribucións científicas están a ter aplicación na industria (sectores de telecomunicacións, naval, aeroespacial e defensa). Mantén unha estreita colaboración con Navantia e a Armada Española, introducindo importantes melloras nos buques militares desde o punto de vista do electromagnetismo computacional, axudando a maximizar as probabilidades de supervivencia nos buques en escenarios hostís.

Aurora Grandal d´Anglade (Ferrol, 1964) recibiu a medalla Antonio Casares Rodríguez, da sección de Química e Xeoloxía. Doutora en Bioloxía da UDC, dirixe o Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal; onde creou o Laboratorio de Paleontoloxía Molecular, pioneiro no territorio nacional. Puxo en marcha un laboratorio específico de ADN antigo, único en Galicia. Céntrase no estudo dos mamíferos fósiles dos xacementos galegos e dirixiu as campañas de escavación nos xacementos paleontolóxicos de Cova Eirós, Liñares e Pala do Rebolal; así como campañas de recuperación de restos óseos en covas do Courel e Mondoñedo. Salienta o seu estudo interdisciplinar de Elba, a muller mesolítica de Galicia, o resto humano máis antigo atopado na nosa comunidade.

David Posada González (Vigo, 1971) recibiu a medalla Ángeles Alvariño González da sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde da RAGC. É catedrático de Xenética na Universidade de Vigo. Formouse en Galicia, Estados Unidos e no Reino Unido; traballou no Centro de Investigación do Cancro do Instituto Tecnolóxico de Massachusetts. As súas liñas de investigación están no campo da evolución molecular e a bioloxía computacional. Subliñar os seus achados para a reconstrución de árbores filoxenéticas a través de ferramentas bioinformáticas; os seus estudos sobre a orixe e evolución do VIH, virus causante da SIDA. Desde hai uns anos céntrase no estudo da evolución xenómica do cancro, para o que abriu en 2015 un laboratorio específico. Durante a pandemia da COVID-19 promoveu a creación dun consorcio cas tres universidades e os sete grandes hospitais galegos para a monitorización da evolución xenómica do SARS-CoV-2 en Galicia. É coautor de dúas patentes sobre marcadores xenéticos de centola. Cómpre destacar que é o único español cun artigo entre os 100 máis citados da historia da ciencia.

Jesús F. Salgado Velo (Ferrol, 1958), recibiu a medalla Domingo García-Sabell Rivas, da sección de Ciencias Económicas e Sociais. Catedrático de Psicoloxía do Traballo e Recursos Humanos da USC. O tema central das súas investigacións nos últimos 25 anos é a análise da validez dos instrumentos de selección de recursos humanos en Europa para predicir o desempeño ocupacional, centrándose na predición e a explicación dos comportamentos laborais. A nivel aplicado, sobresaen as súas investigacións sobre as entrevistas de selección de persoal. Os seus traballos publicáronse nas revistas internacionais máis prestixiosas desta especialidade, situándose no posto 34 dos autores máis citados da súa disciplina no mundo. As súas contribucións foron recoñecidas con dous nomeamentos Fellow, máximas distincións da Asociación Americana de Psicoloxía e da Asociación Internacional de Psicoloxía Aplicada, as dúas organizacións máis relevantes no ámbito da Psicoloxía.

PUBLICIDADE