A RAGC e a Deputación de Pontevedra organizan unha charla sobre IA na medicina e sobreinformación

mércores, 1 de xuño do 2022 S. P.

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Pontevedra promoven a terceira edición do Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos, unha actividade gratuíta destinada a “espertar o interese do gran público sobre temas de actualidade científica con repercusión social” e “impulsar o enorme labor científico levado a cabo en Galicia”, en palabras das súas entidades, que engaden que este xoves 2 de xuño celebrarase unha nova sesión do ciclo, ás 19.00 horas, de xeito online (cunha ligazón que obteremos unha vez rexistrados na páxina web da Deputación).
Centrarase na Intelixencia Artificial e as súas potencialidades no ámbito da saúde e máis na sobreinformación e nos xeitos de afrontala.
Estará moderada pola vicepresidenta da RAGC e coordinadora do ciclo, Alicia Estévez.

As aplicacións da Intelixencia Artificial en Medicina

A profesora María José Carreira

María José Carreira Nouche é profesora titular da Área de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da Universidade de Santiago de Compostela. Na súa conferencia tratará a utilización da Intelixencia Arficial na imaxe médica.
Nesta charla a investigadora realizará unha aproximación ás tecnoloxías intelixentes e á súa contribución ao avance na interpretación automática de imaxes médicas. Así, fará “un percorrido por distintas aplicacións das tecnoloxías de Intelixencia Artificial que se están a empregar na actualidade, en especial as redes neuronais de aprendizaxe profunda, que están a amosar moi bos resultados neste ámbito”, avanza.
A experta abordará ademais dúas cuestións importantes vencelladas a este tipo de redes. Por unha banda, referirase “ao determinante que resulta un deseño rigoroso da experimentación, é dicir, da información que se proporciona a estes sistemas para aprender”. Pola outra, afondará “na explicabilidade dos resultados”, xa que, segundo sinala, “podemos obter bos resultados pero sen coñecer cal foi a información relevante para alcanzalos, o que pode facer que o sistema non sexa crible para a comunidade médica”.

Como combater a actual saturación de información

O profesor José Pazos Arias

Pola súa parte, José Pazos Arias, catedrático no Departamento de Enxeñaría Telemática da Universidade de Vigo e Académico Numerario da RAGC, explicará como combater a actual saturación de información. Nesta liña, salienta que “estamos a ser testemuñas dun crecemento sen límite da información de todo tipo dispoñíbel en Internet. Así, se pode acceder, en calquera momento e lugar, a unha cantidade moi ampla de contidos e servizos: entretemento, noticias, contidos educativos, teleadministración, comercio electrónico, asistencia sanitaria…”. O catedrático apunta que, “a pesar das súas vantaxes e oportunidades, este novo escenario deu lugar a unha saturación de información ou dificultade -cando non imposibilidade- para acceder á información de interese, moitas veces porque non somos sequera conscientes de que tal información existe na Rede. A navegación por Internet non se limita, por tanto, só á procura de información, senón tamén ao seu descubrimento”.
Nesta conferencia presentaranse os denominados sistemas recomendadores, cuxo obxectivo é seleccionar, entre unha cantidade inxente de opcións e de forma automática e proactiva, contidos de interese para un usuario ou grupo de usuarios nun contexto concreto. Amosaranse diferentes estratexias que empregan estes sistemas para elaborar as súas recomendacións, os seus principais dominios de aplicación e as vantaxes e inconvenientes do seu uso.

PUBLICIDADE