A RAGC e a Deputación de Pontevedra ofrecen unha ollada aos computadores do futuro

martes, 30 de maio do 2023 S. P.

O investigador da UVigo Marcus Curty

Será este xoves, 1 de xuño, ás 19 horas cando a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Pontevedra celebren unha nova sesión do Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos. A dita actividade será de balde e está encamiñada a promover o interese sobre temas de actualidade científica con repercusión social, impulsando o labor científico que se leva a cabo en Galicia. Poderá seguirse en liña (a ligazón obtense unha vez rexistrados na web da Deputación). A sesión centrarase nas tecnoloxías cuánticas e nas tecnoloxías que nos agardan.
Cómpre informar que este ciclo de conferencias, que se estenderá até o 15 de xuño, constará de dous bloques: no primeiro bloque serán conferencias en formato webinar impartidas por persoas de recoñecido prestixio no seu eido profesional propostas pola RAGC. E nun segundo bloque conferencias en centros de ensino da provincia de Pontevedra dirixidas ao alumnado da ESO.
Indo á xornada deste xoves 1 de xuño, dicir que se centrará na segunda revolución cuántica e en como serán os computadores e as comunicacións do futuro. Será impartida por Marcos Curty Alonso, catedrático de Teoría do Sinal e Comunicacións da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación de Vigo e investigador do Quantum Communication Center da Universidade de Vigo. Na súa intervención explicará como a mecánica cuántica cambiará de xeito radical a maneira de compartir e protexer a nosa información nun futuro próximo. O investigador indica que hai dúas motivacións principais que impulsan as tecnoloxías cuánticas. “A primeira é práctica, e está relacionada coa permanente miniaturización dos compoñentes electrónicos dos nosos circuítos integrados, que están xa próximos a acadar escalas onde é preciso empregar a mecánica cuántica para describir o seu funcionamento. A segunda é máis fundamental: os principios da mecánica cuántica bríndannos a posibilidade de codificar, transmitir e procesar información de maneira máis eficiente que os seus análogos clásicos, ofrecendo aplicacións imposíbeis para a nosa tecnoloxía actual”.
Entre as aplicacións ás que se refire Curty atópase a capacidade para romper a seguridade das nosas comunicacións en redes abertas como Internet. “Por exemplo, cando efectuamos transaccións financeiras con banca electrónica ou compras en liña, é imprescindíbel garantir a confidencialidade da información transmitida. Isto realízase con sistemas criptográficos de clave pública, cuxa seguridade se basea na dificultade de resolver certos problemas matemáticos. Pois ben, un computador cuántico podería resolver gran parte destes problemas matemáticos de xeito moi eficiente”.
Europa planea despregar unha rede de comunicacións cuánticas a nivel continental na vindeira década para protexer os nosos segredos máis valiosos. O investigador opina que “motivados por esta aplicación, así como por moitas outras potenciais aplicacións dos computadores cuánticos en campos como a biomedicina, a química, a intelixencia artificial ou a seguridade, xigantes tecnolóxicos como Google, IBM ou Microsoft están inmersos nunha carreira frenética por ser os primeiros en desenvolver un computador cuántico a grande escala”.
A inscrición para participar de xeito gratuíto en todas as conferencias debe realizarse a través da web da Deputación de Pontevedra. Engadir que o s participantes poderán solicitar un certificado de asistencia. Nun primeiro bloque organízanse conferencias en formato webinar impartidas por persoas de recoñecido prestixio no seu ámbito profesional propostas pola RAGC. E nun segundo bloque conferencias en centros de ensino da provincia de Pontevedra dirixidas ao alumnado da ESO.
Para ver o programa íntegro do Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos cómpre visitar a web da RAGC.

PUBLICIDADE