A RAGC e a Deputación de Lugo abordan as diferentes estratexias actuais para dixitalizar o noso agro

luns, 8 de novembro do 2021 S. P.

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Lugo, coa colaboración do Campus Terra da Universidade de Santiago (USC), celebrarán a partir da vindeira semana a 32 edición do ciclo Luis Asorey, centrado nesta edición de 2021 na temática da Dixitalización do sector agrario en Galicia. Haberá conferencias nas que se irán abordando as estratexias TIC autonómicas, nacionais e europea, amais das referentes á transformación tecnolóxica dos sectores agrícola, gandeiro e forestal, e do rural en xeral. Porase o foco, máis polo miúdo, en fórmulas como as graxas intelixentes (smart farmings) ou as aldeas conectadas. Tamén se exporán casos de éxito en relación coa dixitalización do sector.
Para este ciclo, coordinado polo doutor enxeñeiro de Montes, catedrático da USC, novo presidente da Asociación Forestal de Galicia (AFG) e membro numerario da RAGC, Antonio Rigueiro, a inscrición é gratuíta e desenvolverase do 15 ao 24 de novembro en formato mixto: presencial, no salón de actos da Deputación de Lugo (rúa San Marcos, 8), e telematicamente a través da canle de Youtube da RAGC, en horario de 19:00 a 21:00 horas.
Rigueiro explica que o obxectivo do ciclo é “trasladar aos asistentes información actualizada sobre as diferentes estratexias de dixitalización do sector agrario, os plans de transformación nos subsectores agrícola, gandeiro e forestal, o uso de drons e robots na xestión agrícola, gandeira e forestal en Galicia, os plans de explotacións intelixentes e sobre pobos intelixentes no rural galego, así como algúns casos prácticos de éxito de dixitalización no sector agroforestal en Galicia”.
O ciclo vai dirixido sobre todo a técnicos que traballan no sector agrario, tanto na administración como no ámbito privado, e profesores e estudantes das titulacións universitarias e preuniversitarias de carácter agrario, pero tamén a técnicos relacionados cos aparatos e mecanismos que se utilizan na dixitalización (enxeñeiros electrónicos, enxeñeiros de telecomunicacións ou enxeñeiros industriais) e a alumnos e profesores das titulacións universitarias e preuniversitarias correspondentes.
A primeira conferencia do luns 15 versará sobre Contexto europeo, español e galego sobre dixitalización e robótica. Estratexia Galicia Dixital 2030 que impartirá o licenciado en Informática e xerente de Proxectos da Área de Solucións Tecnolóxicas Sectoriais da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Manuel Barcón Goás.
O martes 16 será a quenda de Javier Bueno Lema, doutor enxeñeiro Agrónomo e profesor titular da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo da USC, que falará de Mecanización e dixitalización do sector agroalimentario.
Ramiro Antonio Fouz Dopacio, doutor en Veterinaria e profesor da Facultade de Veterinaria da USC, será o encargado o mércores 17 de ofrecer un relatorio sobre A dixitalización na produción de leite.
A conferencia do xoves 18 será impartida polo enxeñeiro de Montes e director Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, José Luis Chan Rodríguez, que tratará sobre a Dixitalización e descarbonización da xestión forestal en Galicia.
Na seguinte semana continuará o ciclo o luns 22 coa conferencia Drons aplicados á xestión agroforestal que impartirá Jorge Seoane Brandariz, responsábel de I+D da División de Sensórica e de Sistemas Aéreos non Tripulados do Instituto Tecnolóxico de Galicia.
Xa o martes 26 nunha mesa redonda abordarase o tema Aplicacións para propietarios, industria e comercialización. Catro casos de éxito en Galicia, moderada por Antonio Rigueiro. Nela participarán o xerente da empresa fmC Forestal y Medioambiente Consultores, Jesús Martínez Ben, que falará de Trazabilidade no sector forestal: Chainwood e Timbertrack; a directora Xeral da empresa Monet Tecnoloxía e Innovación Viticultura, Débora Franco Vázquez, que analizará o Apoio á toma de decisións en viticultura; e a enxeñeira de Montes Mercedes Rois Díaz que abordará a temática das Aplicacións na cadea de valor forestal europea: Smartwood para selección de especies. O ciclo finalizará o mércores 24 co relatorio Estratexias de dixitalización para o territorio rural galego que impartirá a doutora enxeñeira Agrónoma e directora Xeral de Desenvolvemento Rural e da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, Inés Santé Riveira.
O prazo de inscrición para participar de balde en todas as conferencias xa está aberto.

PUBLICIDADE