A RAG levará o seu novo dicionario ás redes medio ano despois da súa publicación en papel

xoves, 11 de novembro do 2010 Fernando Sarasketa

A Real Academia Galega habilitará na Rede o seu novo dicionario, pero seis meses despois da súa publicación en formato tradicional. O motivo desta diferenza de tempos é o inxente traballo que require o envorque na Internet de tódolos recursos do dicionario (50.000 entradas), unha achega que é froito de case nove anos de labor continuo. Porén, e tal e como lle fai saber o académico Manuel González, o obxectivo da Real Academia é estar en Internet, con todo o que iso abrangue de adaptación constante aos novos tempos da Sociedade do Coñecemento. Isto non implica que haxa que darlle á volta aos procesos tradicionais de publicación. De feito, a devandita marxe de 6 meses tamén servirá para facilitar a venda dos volumes do novo dicionario, achega en papel que irromperá en breve ás librarías (cuestión de meses) e que está neste intre en proceso de revisión.
Entre outras novidades, a nova versión modificará algunhas definicións para dar máis peso á realidade social de hoxe. Un exemplo disto é o que vai acontecer co termo “matrimonio”. Segundo apunta González no dito xornal galego, “xa non se pode definir como se definía hai quince anos. Non sería unha definición real nin social e nin sequera legal”.

PUBLICIDADE