A RAG impulsará a súa transformación dixital co renovado apoio da Consellería da Cultura

venres, 26 de marzo do 2021 S. P.

A Consellería de Cultura e Educación renovou o acordo de colaboración que mantén coa Real Academia Galega, unha renovación que pon en xogo un incremento do 7% na contribución do Goberno galego á RAG. En total, estamos a falar de máis de máis de 550.000 euros para contribuír tanto a manter as actividades culturais e de investigación lingüística da institución como para impulsar de xeito conxunto as celebracións de Xela Arias (a quen a RAG dedica o Día das Letras Galegas) e Emilia Pardo Bazán (no centenario do seu falecemento). Boa parte dos esforzos serán adicados a potenciar a RAG no ámbito dixital.
Por exemplo os traballos para potenciar os recursos tecnolóxicos da academia ou os procesos de dixitalización e renovación de fondos a través da Rede.
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, asinaron o convenio para dar continuidade á súa colaboración permanente.
O convenio, como dixemos, abrangue apoios ás actividades programadas co gallo do centenario da Emilia Pardo Bazán, actos que están previstos tanto en Madrid, en colaboración coa Biblioteca Nacional, Acción Cultural Española e a Comunidade de Madrid, coma na cidade da Coruña.
Ao abeiro deste convenio, a Consellería de Cultura contribuirá tamén a que a RAG achegue de xeito temporal varios dos seus fondos a outras mostras expositivas sobre Lolita Díaz Baliño ou para a itinerancia de Galicia, de Nós a nós. Entre outras, xestionarase o depósito dunha medalla académica histórica para exposición permanente da Casa Museo de Ramón Cabanillas en Cambados, que abrirá as súas portas logo da súa transformación en recinto expositivo.
Ademais, continuarase coa actualización e renovación do Dicionario da RAG e o Dicionario bilingüe castelán-galego, que a institución espera poder presentar contra finais do presente ano, e mais cos traballos do Portal das Palabras, no que participa tamén a Fundación Barrié, publicando e divulgando de xeito periódico contidos lexicográficos inéditos.
Asemade, darase continuidade e fortaleceranse proxectos sociolingüísticos como o mapa escolar ou a base de datos Galex, así como outros sobre terminoloxía e lexicografía.
Igualmente, está prevista a realización de actividades culturais impulsando a edición científica no marco da Academia e a adquisición e dixitalización de publicacións.
Por outra banda, promoveranse accións arredor do Día das Letras Galegas, o Día dos Arquivos, o Día do Patrimonio e o Día das Bibliotecas, entre outras. Complementariamente o convenio sufraga, ademais, labores de mantemento e xestión da institución.

PUBLICIDADE