A RAE e YouTube achegan El Quijote á Rede

xoves, 30 de setembro do 2010 Marcus Fernández

A Real Academia Española (RAE) e YouTube queren levar a lectura de El Quijote á Internet, de xeito que repartiron o texto de Miguel de Cervantes Saavedra en 2.149 fragmentos para a súa lectura por persoas de todo o mundo, recreando en vídeo a lectura completa da novela publicada en dous volumes en 1.605 e 1.615 respectivamente, converténdose na obra española máis universal.
Para colaborar con este proxecto calquera hispanofalante deberá acudir á páxina web desta iniciativa en YouTube e premer no botón de participar para que se lle asigne un fragmento do texto a ler e capturar en vídeo, subíndoo á Rede en menos de 6 horas (tempo tras o que o seu fragmento asignaríase a outro usuario).
Unha vez completada a lectura completa de El Quijote coa suma dos distintos vídeos (que contan coa supervisión dun equipo do Centro de Estudos Cervantinos) quedará dispoñible de xeito indefinido en YouTube a peza de vídeo completa, de xeito que calquera internauta poderá gozar do resultado desta interesante campaña de promoción da lectura dun clásico da literatura española.


Vídeo de presentación do proxecto da RAE e YouTube

PUBLICIDADE