A Politécnica de Enxeñaría da USC acolle cursos de cálculo, deseño, electrónica e robótica

venres, 9 de setembro do 2022 S. P.

A Aula de Formación Aberta da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC (Campus de Lugo) presentou unha interesante oferta de formación tecnolóxica para o arrinque deste curso: unha oferta que busca ampliar as competencias do seu alumnado e PDI, ademais de calquera persoa interesada. Trátase de seis cursos presenciais e gratuítos de temática específica que comezarán a desenvolverse nos meses de setembro e outubro e para os que as persoas interesadas xa poden formalizar a súa matrícula en liña a través da ligazón específica habilitada pola aula.
A programación incluída na Aula de Formación Aberta da EPS de Enxeñaría, que conta con financiamento da Vicerreitoría de Organización Académica e da Deputación de Provincial de Lugo, botará a andar o próximo martes 13 de setembro co curso Cálculo científico técnico con Python, que está estruturado en 30 horas. As sesións formativas celebraranse en quenda de tarde, de 16.30 a 19.30 horas, os días 15, 20, 22, 27 e 29 de setembro, e 4, 6, 11 e 13 de outubro.
O curso Deseño CAD 3D con Fusión 360, dirixido especialmente a alumnado e PDI con coñecementos en expresión gráfica, comeza as súas sesións formativas o mércores 14 de setembro. A formación impartida no marco deste programa, cuxas clases terán continuidade os días 16, 19 e 23 de setembro, en quenda de tarde, de 16.00 a 20.00 horas.
O programa da Aula de Formación Aberta da EPS de Enxeñaría pecha as actividades organizadas para o mes de setembro cun módulo de introdución a Arduino, un módulo pensado para o público interesado na electrónica e cuxas clases presenciais desenvolveranse os días 21 e 28 de setembro, e 19 e 26 de outubro, en quenda de 16.00 a 20 horas.
Outubro
O programa complementario de capacitación organizado ao abeiro da Aula de Formación Aberta da EPS de Enxeñaría continuará en outubro con tres novos módulos sobre deseño e fabricación de sistemas mecánicos e placas de circuíto impreso PCBs, ademais dun curso de cogomelos comestíbeis e velenosos en Galicia.
O programa Deseño e fabricación de placas de circuíto impreso (PCBs), dirixido especialmente a estudantes e PDI do Grao en Robótica, comeza o 3 de outubro, e terá continuidade, en quenda de tarde, de 18.00 a 21.00 horas, os días 7, 10, 14 e 17. O módulo Deseño e fabricación de sistemas mecánicos, unha proposta aberta ao público con espírito argalleiro-tecnolóxico (maker), celebrarase os días 18, 20, 25 e 27 de outubro, 3 e 8 de novembro. As sesións formativas serán en quenda de tarde, de 16.00 a 20.00 horas.
O programa Cogomelos comestíbeis e velenosos en Galicia, unha proposta coordinada polo catedrático Antonio Rigueiro e organizada en colaboración coa Sociedade Micolóxica Lucus, será do 24 ao 28 de outubro, en quenda de 19.00 a 21.00 horas. Esta actividade, aberta á participación do público interesado, rematará o 29 de outubro, cunha saída ao monte para recoller cogomelos.

PUBLICIDADE