A Policía ten que advertir que unha SMS da Seguridade Social non é un timo

mércores, 27 de novembro do 2019 Marcus Fernández

Nos últimos días numerosos cidadáns recibiron unha mensaxe de texto no seu móbil remitida pola Tesourería Xeral da Seguridade Social na que informan de que a comunicación anual da vida laboral está accesible a través da Sede Electrónica da Seguridade Social, nunha mensaxe sen acentos e cunha ligazón sen https://, o que espertou moitas sospeitas de que puidese ser un timo, polo que a propia Policía tivo que empregar as súas redes sociais para confirmar de que a SMS non é unha falsidade. Cómpre salientar que aínda que a ligazón comunicada non sexa segura, non acontece o mesmo coa páxina de destino, que emprega cifrado e incluso precisa de certificado dixital ou sistemas de verificación de identidade equivalentes para as administracións públicas.
Este tipo de aviso debería levar a reflexionar sobre as prácticas de comunicación das administracións públicas, que non parecen ser as máis axeitadas, non só por redactar unha mensaxe de texto cun formato que parece un timo (levando a que a comunicación sexa automaticamente ignorada por usuarios fartos de recibir mensaxes semellantes con ligazóns fraudulentas), senón polo mero feito de empregar unha mensaxe de texto para enviar unha ligazón. A SMS pretende substituír ao envío do informe de vida laboral en papel, o que supón un grande aforro, pero deberían optar por métodos máis naturais de facer isto, como o correo electrónico.

PUBLICIDADE