A Policía asegura que Rojadirecta ingresou máis 11 millóns de euros

luns, 31 de outubro do 2016 Marcus Fernández

A pasada semana demos conta da detención do administrador de Rojadirecta, o galego Igor Seoane, posto en liberdade tras tomarlle declaración ante o Xulgado de Instrución nº 1 da Coruña, sen que transcendese o motivo da detención até hoxe, cando a Policía publicou unha nota de prensa na que aseguran ter detido a Seoane e a cinco dos seus colaboradores nunha operación na que teríanse realizado rexistros en Madrid, Barcelona, Cádiz, Girona, e Málaga, nos que se interviñeron diversos trebellos electrónicos e procedeuse ao bloqueo de 15 conta bancarias.
As investigacións iniciáronse en 2015 a partir dunha denuncia dunha distribuidora de televisión dixital na que manifestábase a vulneración sistemática dos dereitos de propiedade intelectual mediante a comunicación pública non autorizada de contidos da súa propiedade.
As pescudas acreditaron que o principal investigado tiña superado os 11 millóns de euros en ingresos, e consideraron identificados aos 5 principais colaboradores que presuntamente publicaban as ligazóns no espazo web que facilitaban a reprodución de contidos protexidos por dereitos de propiedade intelectual.
A autoridade xudicial tería acordado o bloqueo de 15 contas bancarias e o cesamento da actividade delituosa do principal investigado e dos outros cinco implicados, aínda que no momento de escribir estas liñas Rojadirecta continúa a funcionar con normalidade dende fóra de España (mantendo o seu habitual bloqueo dende o territorio español).

PUBLICIDADE