A Policía Local de Lugo estrea un dron de seguridade, supervisión e asistencia en rescates

venres, 13 de outubro do 2023 S. P.

O Concello de Lugo vén de equipar á Policía Local de Lugo cun dron destinado a completar o seu labor de control e vixilancia. O novo vehículo aéreo non tripulado, co-financiado cos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional a través da estratexia DUSI, está equipado con sistema de navegación satelital, cámara térmica e cámara gran angular con capacidade para captar imaxe nocturna, o que permite diversificar as súas funcións.
O aparello, segundo sinalaron dende o Concello, ten un amplo potencial en materia de seguridade, de control, de supervisión ou como apoio en tarefas de asistencia e recate. Tamén será empregado en eventos multitudinarios, no control do tráfico da cidade e ampliando a precisión das inspeccións industriais e urbanísticas, entre outras aplicacións.
A rexedora comprobou in situ as prestacións do novo equipamento durante un voo de control sobre o recinto feiral do San Froilán, xa que a asistencia en eventos deste tipo é outras das súas funcións. “Consideramos importante contar cun corpo de policía formado e que dispoña de ferramentas tecnolóxicas que permitan mellorar a súa eficacia. Este proceso de tecnificación, onde varios axentes contan coa capacitación específica necesaria para operar estes drons, suporá sen dúbida unha mellora da percepción de seguridade na cidade e da calidade de vida da veciñanza, xa que permitirá asistir o traballo policial ata puntos antes inimaxinables”, destacou a alcaldesa.
O aparato conta tamén cunha serie de complementos que permiten especificalo para traballos de rescate de persoas perdidas ou de asistencia en persecucións e fugas. Deste xeito, dispón dun sistema de megafonía que permite transmitir ordes ou recomendacións de seguridade a distancia e un software asistente enfocado a elaboración de estudos sobre tráfico, transito de vehículos e riscos ante aglomeracións multitudinarias.

PUBLICIDADE