A Policía Local de Cedeira insta a YouTube a que retire un vídeo

martes, 23 de decembro do 2008 Raquel Noya

Unha veciña da localidade coruñesa de Cedeira acudiu nos pasados días ás instalacións da Policía Local do seu pobo para denunciar a publicación dun vídeo en YouTube que terceiras persoas subiran para “burlarse da súa filla”.
A nova vén de ser publicada polo xornal galego La Voz de Galicia, onde se indica que as imaxes foran capturadas nun bar da localidade “por un grupo de mozas sen consentimento da súa filla”, a principal afectada deste suceso e protagonista da devandita gravación.
Os axentes informaron a este xornal que este tipo de gravacións supoñen un “presunto delito de violación da intimidade persoal contra a honra” e instaron aos administradores da popular web de descarga e visualización de vídeos en liña a que o retiraran.
Segundo os encargados do caso, que lle remitiron un correo electrónico aos responsables de YouTube para explicarlle o sucedido, o portal americano retirou o polémico vídeo “de inmediato”, aínda que a querella interposta pola veciña prosegue o seu curso nos tribunais.

PUBLICIDADE