A PlayStation Network estrea aplicación móbil de mensaxería

mércores, 9 de decembro do 2015 Marcus Fernández

Para os que aínda non tiñan dabondo coa chea de aplicacións de mensaxería instantánea para dispositivos móbiles, chega agora Sony e bota máis leña ao lume con PlayStation Messages, aplicación que facilita a comunicación entre usuarios da PlayStation Network dende dispositivos móbiles con iOS e Android.
A nova aplicación permite botar unha ollada á nosa listaxe de amigos para comprobar de vez os que están conectados e a que están a xogar; enviar mensaxes de texto ou voz a amigos individuais ou círculos de amigos en calquera momento e lugar; cargar e compartir ficheiros adxuntos e intercambiar stickers inspirados en PlayStation; e buscar e engadir novos contactos de PlayStation Network.
Paralelamente continúa a funcionar a PlayStation App coa que xestionar a descarga de xogos, controlar a PlayStation 4 de xeito remoto e utilizar o dispositivos móbil a xeito de segunda pantalla da consola.

PUBLICIDADE