Grandes xogos chegarán a PlayStation Plus en marzo

mércores, 28 de febreiro do 2024 Marcus Fernández

A oferta de xogos incluídos no servizo de PlayStation Plus no mes de marzo son realmente notables, xa que a partir do día 5 estarán dispoñibles, para PlayStation 4 e PlayStation 5, xogos tan importantes como EA Sports F1 23, Sifu, Hello Neighbor 2 e Destiny 2: La Reina Bruja.
O EA Sports F1 23 e a típica entrega anual do videoxogo oficial do Campionato Mundial de Fórmula Un 2023 da FIA, que ofrece un cadro de 20 pilotos de 10 escuderías, ofrecendo incluso modo multixogador local a pantalla partida. Un título que de seguro que apreciarán os amantes dos xogos de motor.
Máis salientable é o caso de Sifu, un xogo de loita realmente revolucionario, que contou co apoio unánime do público e da crítica, no que un estudante de kung-fu busca vinganza contra os asasinos da súa familia, dando a impresión de que nos somerxemos nunha película de acción grazas á súa ambientación.
Para os amantes dos misterios chega Hello Neighbor 2, unha aventura de terror e sixilo para toda a familia, no que hai que percorrer unha vila buscando pistas sobre os misterios do lugar.
Para os que gusten de Destiny 2 teremos a súa expansión titulada La Reina Bruja, que traslada a acción ao mundo trono de Savathûn, onde haberá que desvelar diferentes misterios, forxar novas armas e, en definitiva, continuar as aventuras deste xogo seguido por lexións de xogadores de todo o mundo.

PUBLICIDADE