A Orde Executiva de Trump para bloquear TikTok queda en suspenso

venres, 13 de novembro do 2020 Marcus Fernández

En agosto a Casa Branca aprobou un par de ordes executivas moi radicais a través das que querían bloquear o acceso de WeChat e forzar a que TikTok pasase a mans de empresas estadounidenses, pero as ordes de bloqueo asinadas por Donald J. Trump foron recorridas xudicialmente por considerase un abuso, e no caso de TikTok o Departamento de Comercio xa confirma que dá un paso atrás (as sancións terían que aplicarse onte), e polo momento non se entremeterá nas operacións da plataforma social de ByteDance atendendo á resolución dunha xuíz federal que apuntaba a que os intentos do Departamento de Comercio excederían as súas competencias.
A xuíz Wendy Beetlestone de Pensilvania foi a última xuíz en pór atrancos ao bloqueo de TikTok, asegurando que as ameazas á seguridade nacional argumentadas polo Departamento de Comercio «están redactadas de forma hipotética» e tamén salientou que as creacións en TikTok estarían protexidas pola Lei de Poderes Económicos de Emerxencia Internacional. En setembro, o xuíz Carl Nichols tamén impedira que o Departamento de Comercio expulsara TikTok da App Store e da tenda de aplicacións de Google.
Curiosamente quen se está a enfrontar o Departamento de Comercio nos tribunais estadounidenses non son representantes de TikTok, senón creadores desta plataforma, que veríanse claramente prexudicados ante un bloqueo de TikTok, xa que afectaría directamente á súa actividade profesional ao cortar a comunicación coas súas comunidades de seareiros.
Aínda que o Departamento de Comercio está a apelar as decisións xudiciais, non parece que vaian mudar as cousas a medio prazo, xa que ByteDance tamén iniciou accións legais, de xeito que quedan moitos meses de loita xudicial agás que o cambio presidencial leve á retirada das ordes executivas asinadas por Trump.

PUBLICIDADE