A Oficina Acelera Peme da Cámara da Coruña apoiou a máis de 600 empresas e profesionais no primeiro semestre do ano

martes, 22 de agosto do 2023 S. P.

A Cámara de Comercio da Coruña fixo balance da actividade xerada pola súa Oficina Acelera Peme no primeiro semestre do ano. Segundo fixo saber, o servizo co-impulsado pola entidade cameral e Red.es atendeu a máis de 600 profesionais e empresas no dito período, achegándolles asesoramento, información e acompañamento para a implementación de procesos dixitais.
No balance tamén se indica que preto de un 80% das consultas das empresas atendidas estiveron relacionadas con financiamento e axudas para a dixitalización, a maior parte relacionadas co Programa Kit Dixital (Red.es), no que a Oficina colabora activamente a nivel de información e difusión.
Outras das consultas máis recorrentes atendidas polos profesionais da Oficina estiveron relacionados con estratexia, planificación de recursos, mercadotecnia dixital e redes sociais, solucións na nube, presenza web, comercio electrónico e identidade dixital, entre outras.
As empresas e profesionais que máis asesoramentos recibiron pertencían na súa maioría ao sector comercio polo miúdo e a información e comunicacións, entre outros. En canto ao tamaño das empresas, cerca do 70% foron autónomos e pequenas e medianas empresas (pemes) de menos de 10 empregados e o 50% constituíronse nos últimos 5 anos.
A Cámara da coruña informou así mesmo sobre fontes de financiamento asociadas á implementación do seu Plan de Dixitalización, entre as que destacan as axudas do programa Kit Dixital.
O obxectivo principal da Oficina Acelera Peme para Kit Dixital da Cámara da Coruña é “impulsar a transformación dixital das pequenas e medianas empresas da súa demarcación, incluídas as de nova creación, persoas autónomas e persoas emprendedoras, realizando un labor difusor e de acompañamento no seu desenvolvemento dixital”. Proporciona, así mesmo, un servizo de asesoramento personalizado e acompañamento no seu esforzo de dixitalización que lles permita prepararse e dotarse dos recursos necesarios para maximizar a produtividade e competitividade dos procesos de negocio, produción, desenvolvemento ou comercialización dos seus produtos ou servizos mediante o uso das TIC (Tecnoloxías da Información e Comunicación).
Este obxectivo xeral está directamente orientado a contribuír á implantación do conxunto de solucións do Programa Kit Dixital como “oferta de ferramentas clave no ámbito da dixitalización”, sinalou a entidade cameral coruñesa.
Próximos webinars
Con carácter mensual, o programa inclúe a celebración de diversas actividades de difusión e sensibilización sobre as vantaxes da incorporación das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC) nos procesos de negocio e especialmente no que se refire ao conxunto de solucións do programa Kit Dixital.
Os vindeiros obradoiros informativos que están previstos, de carácter gratuíto, versarán sobre o aproveitamento do Kit Dixital para a xestión de contidos en redes sociais. Están programados tres, que terán lugar en setembro (21) e en outubro (5 e 19).
As pemes e profesionais interesados en ampliar información poden acudir á Oficina Acelera Peme, situada na sede da Cámara da Coruña. Tamén poden contactar a través do 981 216 072 ou ben escribindo a oap@camaracoruna.com.
As Oficinas Acelera peme para Kit Dixital postas en marcha por Red.es, entidade pública adscrita ao Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital a través da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, coa colaboración de Cámara de España, teñen como obxectivo “impulsar a transformación dixital das pequenas e medianas empresas, micropemes e autónomos”. As actuacións, están financiadas polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia a través dos fondos NextGenerationEU, no marco da axenda España Dixital 2026 e o Plan de Dixitalización de Pemes 2021-2025.

PUBLICIDADE