A Oficina Acelera PEME do ITG pon o foco no metaverso, as tecnoloxías inmersivas e a sinatura biométrica

venres, 3 de novembro do 2023 S. P.

O Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) levará a cabo ao longo do mes de novembro un amplo programa de accións formativas no marco da actividade desenvolvida pola súa Oficina Acelera PEME (Red.es), que ten como obxectivo “contribuír a impulsar o crecemento e a competitividade das pemes da Coruña”. Deste xeito, pequenas empresas, autónomos e emprendedores poderán iniciarse en ámbitos como o metaverso, as tecnoloxías inmersivas ou a sinatura biométrica e as súas aplicacións empresariais, explican fontes do ITG.
As accións formativas, de carácter gratuíto, terán “un carácter eminentemente” práctico e serán impartidas en colaboración con empresas e entidades como NTT DATA, Xoia, Duacode ou GaiásTech.
A continuación compartimos o calendario formativo de novembro.
• 7 de novembro, ás 09.00h. Obradoiro Descobre Oportunidades de Dixitalización para a túa Empresa. Impartirase tanto de forma online como presencial e a modalidade presencial será nas instalacións de Neurall, en rúa Enrique Mariñas Romero, 32 G, 3.º (A Coruña).
• 9 de novembro, ás 10:00h. Obradoiro en liña Metaversos. Enfoque opensource. Nesta sesión, deseñada para todos os públicos, veranse exemplos de como o metaverso xa xera oportunidades de negocio e valor engadido en sectores como a saúde ou educación. Este taller formativo impartirase en colaboración con Centro GaiásTech.
• 9 de novembro, de 15:30h a 19:00h. Xornada #IndustriaExtendida. Evento presencial organizado en colaboración con Xoia Extending Reality no que se verán exemplos prácticos de tecnoloxías inmersivas como a Realidade Aumentada e a Realidade Virtual, e que contará coa participación de representantes de NTT DATA, Possible Incorporated ou Texas Controls.
• 14 de novembro, ás 10:00h. Obradoiro online Potenciando o deseño web para atraer e reter clientes, no que se dará conta da importancia do deseño web centrado no usuario e o seu impacto nas vendas e a fidelización de clientes. Impartido por Duacode.
• 21 de novembro, ás 10:00h. Obradoiro online Innovación en Contratación: aplicación Práctica da Firma Biométrica e os Formularios Intelixentes, impartido pola empresa Unayta.
Para asistir a estes obradoiros é necesario inscribirse previamente na web do ITG.
Oficina Acelera PEME de ITG
A Oficina Acelera PEME de ITG ofrece asesoramento gratuíto e personalizado para a adquisición e incorporación das solucións incluídas dentro do Kit Dixital, así como unha combinación de actividades presenciais e híbridas para “chegar a un amplo espectro de empresas e emprendedores, brindando oportunidades de aprendizaxe e colaboración”.
Nos seus primeiros dous anos de actividade, a Oficina levou a cabo 53 xornadas de dixitalización con máis de 1.900 rexistrados, atendeu máis de 200 consultas e realizado un total de 56 diagnósticos dixitais personalizados e un índice de satisfacción de 9,2 sobre 10. Nos próximos 24 meses ten previsto ampliar o impacto da súa actividade no tecido empresarial da Coruña prestando 700 servizos de transformación dixital para pemes, autónomos e emprendedores da Coruña.

PUBLICIDADE