A OMIX e a aula CeMIT de Boiro organizan un campamento tecnolóxico en liña

mércores, 17 de xuño do 2020 S. P.

O Concello de Boiro, a través da Oficina Municipal de Información á Xuventude e a aula CeMIT local, pon en marcha para este verán un Campamento Tecnolóxico Online. A actividade, que xa ten aberto o prazo de inscrición, vaise celebrar no mes de xullo, achegando contidos creativos innovadores á rapazada, contidos que serán de gran importancia para o seu currículo futuro. Desenvolverase en formato online para garantir ao máximo a seguridade e a saúde das e dos participantes.
Os contidos do campamento incluirán formación en edición de vídeo con OBS Studio, Openshio e Inshot, deseño de cartelería e manexo das ferramentas Google Diver e Classroom. O campamento está destinado a mocidade entre os 11 e 13 anos, as prazas dispoñíbeis son 12 e vaise levar a cabo, de forma online entre o 6 e o 27 de xullo, en horario de 10.00 a 11.00 horas.
As persoas solicitantes teñen que dispoñer de ordenador con conexión a Internet, navegador actualizado, micrófono ou auriculares con micrófono e webcam. A persoa responsábel legar do/a menor debe ter unha conta de correo electrónico de Google.
As inscricións poden facerse, ata o 23 de xuño, a través do Rexistro Xeral do Concello de Boiro, en horario de luns a venres de 9.00 a 13.30 horas, ou na Sede Electrónica. A listaxe definitiva de admitidos publicarase a través da páxina web do Concello.

PUBLICIDADE