A OCU recomenda protexer os dispositivos cunha app de procura

venres, 24 de xullo do 2015 Redacción

A máis e mellor tecnoloxía, máis amola que se bote a perder. O medo a extraviar ou estragar gadgets e aparellos diversos está chegando a cota nunca vistas entre os usuarios, e non só porque esteamos en plena verán (que tamén), senón porque do que estamos a falar principalmente é de dispositivos intelixentes (smartphones) que amais de seren moi intelixentes, tamén adoitan ser caros e un chisco fráxiles. Conclusión: non está de máis que teñamos en conta unha serie de consellos extra de cara a protexer este tipo de trebellos, que logo cando se perden fan que todos os esforzos levados a cabo para axustar gastos nas vacacións sexan en balde. Segundo nos contan dende a OCU, o mellor para comezar é vestilos coma se de motoristas se tratase. Ou sexa, con funda resistente específica. Tamén se aconsella dotalos dunha aplicación de busca.
As mellores fundas, sinala a organización, son as que cobren tanto os laterais como as esquinas. “Trátase de reforzar a protección, polo que non cómpre elixir unha desas fundas que substitúen á propia carcasa do móbil”, engádese, ao tempo que se destacan moi positivamente as que se pechan ao completo (as que impiden que a tapa se abre cando o trebello caia ao chan). Como lembraremos, a protección da pantalla só protexe das riscadas.
Outro consello a ter moi en conta é secar o aparello se se molla. De feito, a maior parte dos dispositivos non están preparados para a auga nin son estancos, e cómpre que os desmontemos se lles entra líquido dentro e os deixemos secar durante polo menos 24 horas antes de volvelos montar.
Por certo que tampouco é boa cousa deixar os trebellos ao sol, xa que poden sobrequecerse.
Unha recomendación moi razoábel é a de bloquear a pantalla cun código PIN ou patrón de bloqueo. Así, se nolo rouban non poderán usalo aínda que estea prendido.
Segundo a OCU, tamén é moi aconsellábel descargar unha aplicación de procura (ferramentas que permiten acceder desde a web a funcións de control remoto, así no caso de extraviar o móbil poderemos localizalo nun mapa e borrar a distancia todos os datos persoais), lembrar o código IMEI (estes 15 díxitos que identifican o móbil e que precisaremos para denunciar o roubo á Policía) e facer copias seguridade do acubillado dentro.

PUBLICIDADE