A OCU loa as calidades da Surface Pro 4 pero critica o seu elevado prezo

xoves, 3 de decembro do 2015 Redacción

A Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) vén de someter a un exhaustivo exame ao portátil convertíbel Surface Pro 4 de Microsoft, a nova estación de traballo móbil da firma de Redmond. Resumindo, se ben a organización salienta que estamos ante unha tableta máis lixeira có anterior modelo (a Surface Pro 3) e que achega elementos de gran calidade (como por exemplo a pantalla e as dúas cámaras que integra), tamén informa que estamos perante un trebello que se sitúa, no económico, por enriba das posibilidades do usuario común: entre os 999 e os 2.449 euros. A OCU recomenda a quen vaia mercar unha tableta que bote antes un ollo ao comparador de seu (hai 120 modelos e moitos deles a anos luz da nova Surface en materia de prezo).
Segundo informa a organización sobre o novo convertíbel de Microsoft, o modelo base costa 999 euros e está equipado co procesador Intel m3, 4 GB de RAM e unha memoria interna SSD de 128 GB, “dos que están dispoñíbeis 118 GB en realidade”. O modelo máis caro, lembra a plataforma de usuarios, inclúe procesador Core i7, 16GB de RAM e 512GB SSD “e pódese adquirir pola elevada cantidade de 2.449 euros”. A OCU tamén recorda que o teclado, necesario para converter a tableta nun portátil, véndese de forma opcional por 149,99 euros.
A xeito de valoración final a organización sinala que “a nova Surface Pro é unha boa tableta aínda que o seu prezo é bastante elevado”. Iso si, engade, a súa pantalla é “de excelente calidade” e percíbese “unha notábel melloría” con respecto ao modelo anterior, a Surface Pro 3, sobre todo en exteriores con boa iluminación. Tamén mellora en relación á memoria interna, “aspecto no que sen dúbida influíu o cambio de Windows 8.1 Pro a Windows 10 Pro”, engádese.

PUBLICIDADE