A OCU considera decepcionante o Black Friday

martes, 1 de decembro do 2015 Marcus Fernández

Táboa na que a OCU fai balance do Black Friday

Ante o volume de reclamacións recibidas nos últimos días, a Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) realizou unha análise sobre a situación real das rebaixas durante o Black Friday e o Cyber Monday, valorando as mesma de “fiasco”, e para que sexamos conscientes de tal decepción convídannos a ignorar o bombardeo publicitario e facer uso da calculadora para coñecer realmente os descontos que experimentan os produtos.
Dende a OCU vixiaron os prezos de máis de 1.500 produtos das principais tendas en liña, comparando o que había antes cos que tiñan durante o Black Friday e o Cyber Monday, admitindo que é posible atopar bos prezos puntuais, pero que na práctica apenas se fixeron rebaixas, especialmente no caso do Cyber Monday, xornada considerada como “puro fume” xa que a meirande parte das tendas optaron por recuperar os prezos anteriores ao Black Friday (cómpre lembrar que tal data era importantes antes da popularización do comercio electrónico, polo que hoxe en día carece de sentido).
Facendo balance das distintas cadeas comerciais, durante o Black Friday queda en moi mal lugar Media Markt, unha das firmas que máis promoción fixo das súas rebaixas pero que, na práctica, quedaron nun 0%, xa que a rebaixa do 24% de moitos produtos compensárono coa suba do 20% do resto, compensando uns prezos con outros. No caso de El Corte Inglés e Worten o balance tampouco sería moi diferente, e as rebaixas medias serían do 0,3% e o 2,6% respectivamente.
Unha das cadeas máis honestas foi a Fnac, que rebaixou os seus prezos nun 69% dos produtos, subindo só no 13% (sendo a meirande parte dos mesmos de Apple); e a tenda en liña Redcoon destacou por ser a única das analizadas que non subiu ningún dos prezos dos produtos monitorizados..
En vista destes resultados queda claro que o único xeito poder aproveitar efectivamente as rebaixas é comparar prezos.

PUBLICIDADE