A Noite da Enxeñería en Informática conmemorou o traballo feito a prol do noso progreso dixital

luns, 18 de outubro do 2010 Fernando Sarasketa

A segunda edición da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia reuniu o pasado venres 15 en Santiago a máis de 200 profesionais ligados ao sector tecnolóxico-dixital da nosa terra, tanto do eido privado como do público. A cita, que se celebrou no Hostal dos Reis Católicos, foi cualificada polas/os organizadoras/es (os membros do CPEIG, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia) como unha nova confirmación do compromiso dos informáticos galegos co progreso tecnolóxico da nosa terra. De feito, a Noite non se limitou a celebrar os pasos dados neste senso pola profesión, senón tamén (e sobre todo) os pasos dados por todo o sector galego a prol da modernización do país. A cita, que deu acubillo á entrega de cinco galardóns, contou coa presenza do presidente do CPEIG, Fernando Suárez, os conselleiros de Facenda e Educación, Marta Fernández Currás e Jesús Vázquez, e outras autoridades e membros do eido universitario e empresarial.
Segundo fixo saber o presidente do colexio galego perante os máis de 200 asistentes á gala, o papel das novas tecnoloxías da información no devir do noso desenvolvemento non é nin moito menos un papel secundario, posto que estamos a falar de ferramentas fundamentais para saírmos da crise económica.
Neste senso, fixo referencia ao comezo dunha nova andaina galega da Sociedade do Coñecemento, na que a Rede se está a converter no elemento transformador das nosas vidas. "Neste novo comezo de etapa, as enxeñeiras e enxeñeiros en Informática estamos chamados a ser protagonistas con nome propio", sinalou.
Amais das presentacións dos obxectivos a seguir e do repaso do acadado, a Noite incluíu actividades para propiciar ao máximo o intercambio lúdico de coñecemento e puntos de vista acerca da nosa situación na era dixital, incluíndo unha cega de gala que funcionou como peche de programa.
O acto, que contou co apoio de empresas e institucións vinculadas ás novas tecnoloxías, deu acubillo no seu miolo ao recoñecemento de diversas iniciativas e persoas destacadas no ámbito galego da Enxeñaría en Informática. A entrega de premios, que se celebrou a partir das 21.15 horas, foi conducida polo artista Miguel Lago, coñecido polo seu labor como monologuista no Club de la Comedia e colaborador da canle Paramount Comedy, ademais de actor no “reality” Curso del 63. No eido musical, a Noite contou coa achega do grupo de música Alo-Django Alo-Django.

Mar Pereira recolleu o galardón á iniciativa da Administración

Polo que respecta aos recoñecementos, a listaxe definitiva de premiados quedou deste xeito:
· Premio Proxecto Fin de Carreira: Foi dar a Roberto Rey Expósito. O alto nivel do seu traballo espertou o interese mesmo da Axencia Aerospacial Europea.
· Premio ao Proxecto Innovador: A factura electrónica da Consellería de Facenda. O CPEIG destaca o amplo espectro de uso, que garante a universalidade e facilidade de emprego da mesma.
· Premio á Traxectoria Profesional: Pablo Santos Luaces, conselleiro delegado e fundador de Códice Software. Lugués que coa súa empresa Códice Software traspasou as barreiras do noso país para competir no mercado máis esixente no eido TIC: o norteamericano.
· Premio Iniciativa Empresarial: Clúster TIC de Galicia. A organización dos premios sinala a importancia de sumar e crear redes de colaboración baseadas na confianza.
· Premio Iniciativa da Administración: Plan Estratéxico Tecnolóxico Global da Xunta: 2014.gal Axenda Dixital de Galicia. Representa un reto sen precedentes na Administración Autonómica, sostivo o xurado da Noite.
Agás no caso da persoa premiada co galardón ao Proxecto Fin de Carreira, os demais recibiron unha estatuíña sen dotación económica.
Apoios
Para a organización desta Noite, o CPEIG contou coa colaboración e apoio económico de diversas entidades e empresas que operan no eido galego TIC. Como patrocinadores de ouro: Hewlett-Packard, Telefónica, Bahía Software, Plexus, Altia, Atos Consulting, Everis, Bull e Xunta. Como patrocinador de prata: Coremain, e por último e non menos importantes, como patrocinadores de bronce: Tecnocom, IECISA, T-Systems, Balidea e INSA. Asemade, a entidade La Caixa tamén apoiou economicamente este acto.

Marta Fernández Currás no momento de recoller o premio ao Proxecto Innovador

PUBLICIDADE