A Noite Galega das Telecomunicacións reúne este venres a preto de 250 representantes do noso sector TIC

xoves, 22 de setembro do 2022 S. P.

O Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia celebrarán este venres 23 de setembro en Vigo unha nova edición da súa tradicional Noite Galega das Telecomunicacións. Será novamente unha relevante actividade de networking para os profesionais do sector, na que que está previsto que participen 250 persoas, principalmente enxeñeiros de telecomunicación asociados, representantes de destacadas entidades que patrocinan o evento, organizacións, profesionais e empresas do ámbito TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación).
Previamente á celebración desta velada, cuxo lema este ano é Dixitalización sen fronteiras sociais, o colectivo dos telecos galegos entregará os Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2022, que recoñecen a cinco persoeiros ou entidades que destacan en diferentes ámbitos relacionados co eido TIC na comunidade autónoma. Esta gala vai ser presentada polo actor galego Carlos Blanco. Ademais do decano do Colexio Oficial e presidente da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, Julio Sánchez Agrelo, intervirán no acto o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño; a delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias; e o alcalde da cidade, Abel Caballero.
A cita será no Hotel Attica 21, no 15 da avenida de Samil.
Programa
21,30 h.- Entrega dos Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2022.
22,30 h.- Inicio da 26 Noite Galega das Telecomunicacións

PUBLICIDADE