A Nintendo Switch recibe no Xapón a súa primeira aplicación de vídeo

mércores, 12 de xullo do 2017 Marcus Fernández

Cando se presentou a consola Nintendo Switch sorprendeu o feito de que non integrase populares aplicacións de vídeo como YouTube ou Netflix, pois o sistema vén a ser unha tableta nVIDIA SHIELD personalizada, polo que é un bo dispositivos para o consumo audiovisual, pero dende Nintendo apresuráronse a adiantar que as aplicacións de vídeo rematarían por chegar e, aínda que polo momento non sabemos cando teremos os servizos de vídeo máis populares en Europa, no Xapón mañá mesmo vai estrearse a aplicación de Niconico.
Este servizo xaponés de vídeo é moi semellante a YouTube, e destaca polo feito de que os comentarios dos usuarios poden verse directamente sobreimpresos sobre as transmisións en directo, sendo unha plataforma moi popular entre as compañías xaponesas de videoxogos para a realización de anuncios e a retransmisión de eventos, de aí que pareza bastante normal que sexa a primeira aplicación deste tipo en chegar á Switch (de feito, foi a primeira aplicación de vídeo para PlayStation Vita).
Cómpre salientar que a aplicación de Ninonico aparece na páxina web de Nintendo como un título máis da eShop, o que dá a entender que as aplicacións de vídeo poden recibirse de xeito independente, sen precisar de actualizacións do software de sistema de Switch, o que axilizaría o lanzamento de aplicacións de vídeo doutras plataformas nos vindeiros meses.
A principal vantaxe deste tipo de aplicacións en Switch fronte a outras plataformas é que, ao estarmos ante unha consola que funciona tanto conectada ao televisor como en modo portátil, os servizos de vídeo teñen así un xeito que ofrecer os seus contidos para o seu goce no ámbito doméstico e en mobilidade a través dunha única aplicación.

Vídeo promocional da aplicación de Niconico para Nintendo Switch

PUBLICIDADE