A Nerd Nite de febreiro profundará nos datos, na orixe da electrónica galega e na toponimia

venres, 17 de febreiro do 2023 S. P.

A USC achegou información sobre o contido da primeira Nerd Nite de 2023, edición que xirará arredor dos datos, a orixe da electrónica e o portal galego de toponimia Galicia Nomeada (os tres eixos temáticos desta nova convocatoria do programa de charlas científicas coordinadas polo catedrático, investigador e divulgador Jorge Mira). Será na Nave de Vidán (Santiago) acollerá o mércores 22 de febreiro, a partir das 20.30 horas.
Stat Wars: a rebelión dos datos é o título do relatorio que impartirá Vicente Lustres Pérez, director executivo (CEO) e co-fundador de Biostatech, empresa de consultaría en bioestatística e estatística aplicada creada por especialistas e investigadores con experiencia na aplicación de métodos estatísticos en Ciencias da Vida e a Saúde. Lustres Pérez é doutor en Bioloxía e ten un mestrado en Estatística Aplicada.
A continuación, será a quenda de Daniel Seijas, doutor en Historia Contemporánea, quen falará dos irmáns Portela, “creadores do magnetófono galego e pioneiros da electrónica en Galicia”, tal e como indica o título da súa charla.
Finalmente, o coordinador da Unidade Técnica de Toponimia do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, Vicente Feijoo Ares, abordará na súa intervención os detalles do portal Galicia Nomeada, plataforma colaborativa para a recolleita, xeorreferenciación e difusión da microtoponimia galega e de toda a tradición oral asociada a ela. Galicia Nomeada: na procura dos nomes da túa terra será o título do seu relatorio.
As Nerd Nites naceron hai anos en Estados Unidos, unha proposta orixinal á que se sumou Santiago de Compostela en 2012, sendo a primeira cidade española en facelo e que o pasado ano cumpriu o seu décimo aniversario.

PUBLICIDADE