A Mostra de Cinema Periférico da Coruña acada importantes cifras de asistencia, in situ e en liña

luns, 10 de xuño do 2013 Redacción

Os días pasados celebrouse na nosa terra un certame audiovisual, ben innovador, que tódolos seareiros debéramos ter na axenda: a Mostra de Cinema Periférico da Coruña (S8), que chegou á súa cuarta edición batendo récords de seguimento en liña e offline: acubillando máis de 8.000 participantes, centos de internautas seguindo parte das actividades e un volume alto de películas a proxectar en formatos pre-dixitais e anti-corporativos. De feito, o 85% das moitas pezas proxectadas viñan en formatos analóxicos de variado tamaño e pretensións (Super 8, 8mm, 16mm e 35mm). Esta cuarta convocatoria do festival arrancou cunha homenaxe a un dos grandes creadores do cinema tal e como o coñecemos, Georges Méliès, a través da presenza na cidade dos seus descendentes Marie-Hélène e Lawrence Lehérissey.
Nai e fillo, bisnieta e tataraneto do mago que converteu o cinematógrafo en cinema, ofreceron un programa no que puideron verse até 16 películas, todas en 35mm, entre as cales hai títulos tan senlleiros como O home da cabeza de goma, Viaxe á Lúa, Barba Azul, A bruxa mala ou O asombroso abano humano, entre outros. Amais da presenza de creadores como Ben Russell, Ben Rivers, Claudio Caldini e Miguel Mariño, que amosaron parte da súa obra, desenvolveuse unha sección complementaria, O Observatorio, que se saldou na sala de prensa da Fundación Novacaixagalicia “cun alto nivel de participación” tanto de público como de profesionais da crítica e do sector audiovisual, informa a organización de S8, que tamén salienta os máis de 800 internautas que puideron seguir en vivo as sesións de contidos (dúas xornadas de O Observatorio) na canle de streaming habilitada pola organización do S8.
Por certo que o certame continúa coas súas actividades os días 10 e 11 de xuño co Obradoiro de Cinema Expandido que Claudio Caldini impartirá no Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa. Caldini desenvolverá por primeira vez en España un taller sobre as posibilidades creativas da proxección cinematográfica en vivo, un laboratorio de creación onde ampliar o eido de exploración sensorial e reflexiva a través da multiplicidade e a simultaneidade de operacións audiovisuais en vivo centradas na tecnoloxía óptico-mecánica do cinema e a súa interacción. Como remate a esta sección de didáctica dentro da Mostra, Claudio Caldini ofrecerá no propio MAC unha conferencia que leva por título A imaxe máis aló dos seus límites espaciais ás 20:00 horas do martes 11 de xuño.

PUBLICIDADE