A Mobile Week Ourense 2022 colleu impulso no MWC

luns, 7 de marzo do 2022 S. P.

A Mobile Week Ourense 2022 continúa avanzando cara a súa materialización. Despois da celebración en Ourense da xornada de lanzamento desta nova edición, liderada polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar e o director executivo da Mobile World Capital Barcelona, Carlos Grau, produciuse estes días un novo encontro de traballo no marco do Mobile World Congress, en Barcelona.
Na xuntanza, o director da área de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense, Fernando Suárez, puxo en común diversos aspectos da próxima Mobile Week Ourense 2022 con Carlos Grau e Eduard Martín (CIO da Mobile World Capital Barcelona, así coma coa directora de Digital Future Society, Cristina Colom, e directivas da Mobile Week. Tamén se analizaron proxectos de conectividade no ámbito rural.
Segundo lembrou a Deputación, a Mobile Week Ourense 2022 celebrarase no mes de novembro por toda a provincia. Na xornada de lanzamento, desenvolvida o pasado 31 de xaneiro, o presidente da Deputación, Manuel Baltar, destacou a importancia da alianza coa Mobile World Capital Barcelona: "Xunto a eles seguimos loitando contra a brecha dixital, visibilizando a provincia coma un referente tecnolóxico".
A de 2022 será a segunda edición do acontecemento tecnolóxico Mobile Week Ourense. Desenvolverase durante tres anos consecutivos ofrecendo un espazo no que participar activamente dos cambios que traen as novidades tecnolóxicas, así como formar nas habilidades profesionais para o futuro.

PUBLICIDADE