A Mobile Week Ourense 2022 celebrarase entre o 15 e o 18 de setembro e reforzará a súa vertente anti-fenda dixital

luns, 11 de xullo do 2022 S. P.

A Mobile Week Ourense 2022 celebrarase en diferentes puntos da provincia entre os días 15 e 18 de setembro. Así o confirmaron a Deputación de Ourense (a través do seu presidente Manuel Baltar) e a Mobile World Capital Barcelona, entidades impulsoras do evento tecnolóxico, que regresa na recta final do verán cun obxectivo renovado de “xerar interese pola tecnoloxía en todos os sectores poboacionais, con especial atención na contorna rural, a poboación maior e as mulleres”.
A segunda edición da Mobile Week Ourense, a única iniciativa realizada baixo o paraugas de Mobile World Capital Barcelona de ámbito provincial, terá como grandes retos a loita contra o despoboamento rural a través da dixitalización, o achegamento da administración ao cidadán e avanzar na adaptación da poboación á nova realidade tecnolóxica.
Haberá sesións, obradoiros e charlas en formato híbrido baixo tres grandes áreas temáticas: Dereitos dixitais, Construír o futuro e As habilidades profesionais dixitais.
O público obxectivo da Mobile Week Ourense será todo o espectro poboacional, aínda que as temáticas organizaranse para colectivos específicos como son os maiores de 65 anos, os adultos entre 30 e 65, adolescentes e nenos.
A programación incluirá asuntos de actualidade tecnolóxica como o impacto do Metaverso en todos os aspectos da nosa vida, as posibilidades ao redor da Intelixencia Artificial e como está a cambiar desde xa a nosa sociedade; o impacto da tecnoloxía nos adolescentes e como entender e combater elementos como as fake news, o ciberacoso ou o sexting; a importancia da privacidade e a protección de datos na sociedade da terceira década do século XXI; ou a importancia das competencias dixitais en todas as idades.
Nesta liña, a director da área de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación e coordinador da Mobile Week Ourense, Fernando Suárez, sinala que "vivimos a maior época de cambio da historia da humanidade e facémolo da man da maior acumulación de tecnoloxía que ningunha outra xeración tivo até agora. Por iso temos que canalizala ao servizo das persoas e que nos axude a resolver problemas que non tiveron solución até agora".
Cristina Colom, responsábel de Mobile Week en Mobile World Capital, destaca que "o obxectivo principal do evento é achegar a tecnoloxía aos cidadáns, póndolles no centro da transformación dixital. Este cambio de paradigma ofrece moitas oportunidades e, ao mesmo tempo, retos aos que debemos facer fronte como sociedade. Por iso, hoxe máis que nunca, é importante impulsar o humanismo tecnolóxico para empoderar ao cidadán e combater as fendas dixitais".
"A transformación dixital non é opcional -explica Fernando Suárez-, debe chegar ao tecido empresarial, ás administracións públicas e a todos os cidadáns, para evitar sectores atrasados e fendas dixitais. Porque esta brecha será maior a medida que a dixitalización da sociedade sexa máis profunda, e por iso é necesario desenvolver plans de competencias dixitais dirixidos particularmente a aqueles con máis risco de exclusión dixital, como as persoas adultas maiores, os mozos sen estudos nin formación ou as mulleres e nenas para garantir igualdade de oportunidades".

PUBLICIDADE