A Mesa reforza na Rede a súa campaña Polo Dereito a vivirmos en galego

venres, 9 de maio do 2008 Fernando Sarasketa

A Mesa pola Normalización Lingüística está a facer estes días un esforzo especial por vincular ao galego con todos os niveis do noso tecido social, económico e informativo. A idea é non deixar nada por cubrir, relembrando que a nosa lingua é cen por cen válida para ser empregada até en aquilo que aínda está por inventar. E xa que falamos de cousas por desenvolver ou en fase constante de desenvolvemento, cómpre sinalar que un dos eidos onde máis fincapé fai a Mesa é o da Rede. En certa maneira, non é casual que así sexa: estamos a piques xa de celebrar as nosas Letras e, tamén, de celebrar a Internet (o mesmo día).
Para esta data, a Mesa ten proxectado reforzar aínda máis a campaña Polo Dereito a vivirmos en galego, que podemos ver reflectida a partir de agora e polo miúdo no fotolog da Mesa (posto en marcha estes días) e tamén na web mesma da organización galega.
A devandita campaña, que xunto co certame de vídeo Mobilízate pola túa lingua! centra unha boa parte do espazo virtual do fotolog, está a ser obxecto dun importante número de mostras de apoio, non só de Concellos senón de todo tipo de colectivos (máis de 70), tal e como se reflicte no espazo web da mesa, onde tamén se anima a participar.
Por certo que o día despois da celebración das Letras e da Internet, o 18, está prevista unha manifestación en Santiago para defender o lema mesmo da iniciativa, a fin de contas unha declaración de intencións en si mesmo: Polo dereito a vivirmos en galego.

PUBLICIDADE