A Mesa premia o labor de San Luís a prol do galego

xoves, 21 de novembro do 2013 Redacción

Será este venres (sexta feira) 22 de novembro ás 20:30 horas cando teña lugar no Pazo da Cultura de Carballo a celebración da 2ª edición do Premio Abertos ao Galego, concedido pola Mesa á cadea San Luís. O galardón, que o pasado ano recaeu na rede social Tuenti, irá desta volta parar a mans da cadea de electrodomésticos San Luís, e será recollido polo seu fundador, Lorenzo López, quen retoma a empresa logo de que Darty, a multinacional que a mercara, decidise pechar as tendas. Xa no seu día San Luís fora un referente e unha empresa pioneira na publicidade en galego, como exemplo de continuidade está o lema do seu regreso: Estamos de volta.

O empresario galego Lorenzo López Vázquez nunha imaxe da axencia EFE

Emporiso, Abertos ao Galego (proxecto da Mesa para a dinamización do galego no ámbito empresarial) quere premiar o labor que dende os anos 70 leva feito San Luís a prol da nosa lingua como elemento fundamental da identidade o que -segundo verbas do propio xerente e fundador- entende como parte imprescindíbel da marca da empresa. Nunha recente entrevista na Radio Galega, na reapertura das tendas de San Luís, afirmou: “Claro que as nosas tendas están rotuladas en galego. Estamos en Galiza, non? Todos temos patria, é a nosa aposta”.
Cómpre dicir que o xurado da Mesa valorou a importancia simbólica da aposta lingüística de San Luís, tanto polo sector ao que pertence coma polo intre en que o antigo xerente retoma as tendas e o xeito en que decide reabrilas. Na súa anterior etapa, San Luís era unha das empresas líder do sector, o que serve para constatar algo que indican todos os estudos do mercado: o uso do galego é un aliado para o mundo socioeconómico.
Abertos ao Galego é un proxecto da Mesa pola Normalización Lingüística que ten como obxectivo a dinamización do galego no mundo da empresa. Ademais da creación do Premio do que damos conta nesta nova, a Mesa conta con outras iniciativas ao abeiro deste proxecto, é o caso do catálogo de Nadal (que este ano se está a preparar por terceira vez) ou presentacións comarcais, así como a creación dun boletín informativo sobre as empresas integrantes de Abertos ao Galego, que se envía de maneira periódica aos socios e socias e simpatizantes da Mesa pola Normalización Lingüística.
Por último, sinalar que o acto de entrega, de entrada libre, será presentado pola actriz Isabel Risco e contará coa actuación da cantante Najla Shami.

Invitación á entrega do Premio da Mesa

PUBLICIDADE