A Mesa pide a Eroski que recupere a versión en galego da súa web

luns, 4 de febreiro do 2013 Fernando Sarasketa

A Mesa vén de pór en marcha unha campaña en liña para conseguir que a empresa Eroski, que sempre se caracterizou polo seu respecto ás linguas cooficiais do Estado, tanto a nivel de información corporativa como nas propias etiquetas do seus produtos, siga aplicando esa filosofía á súa páxina web, recentemente remodelada sen contar, polo de agora, con versión na nosa lingua. A metodoloxía da campaña inclúe unha carta colectiva dirixida ao servizo de atención ao cliente da compañía vasca, ao xeito das iniciativas postas en marcha pola CiberIrmandade para conseguir, a través de convocatorias en liña, que se respectase a nosa lingua na Internet e tamén os topónimos oficiais.
Asemade, A Mesa pola Normalización Lingüística anima a facermos o mesmo (enviar a dita suxestión) con Vegalsa, o socio galego de Eroski, e responsábel da xestión dos estabelecementos desta empresa e máis dos de Familia. Sinalar que na web oficial da compañía vasca hai arestora, na parte superior dereita, a xa clásica opción de elixirmos idioma, pero, de querer facelo, atoparémonos coa mensaxe de que se está a traballar para achegar o resto das versións (catalán, euskera e galego).

PUBLICIDADE