A Mesa lanza Pipocas, un catálogo web que recolle todos os filmes e series en galego

mércores, 14 de decembro do 2022 S. P.

A Mesa pola Normalización Lingüística lanzou un servizo en liña que recolle todos os filmes e series dispoñíbeis en galego ou lexendados na nosa lingua. Trátase do catálogo web Pipocas, unha ferramenta que nos redirixe ás plataformas nas que está cada título rexistrado e que no intre exacto do seu lanzamento xa acubilla máis dun cento de títulos. A Mesa encargarase de actualizar o servizo cada pouco tempo, de xeito permanente. Porén, ábrese unha vía de colaboración coa comunidade internauta galega para que cada quen dea aviso dunha posíbel ausencia de filmes ou series.
"Esta plataforma responde á demanda recibida pola entidade de defensa da lingua", explica o responsábel de comunicación da Mesa, Carlos Vieito, "especialmente dos pais e nais que descoñecen que filmes para as crianzas hai en galego nestas plataformas". "Dende hoxe", conclúe Vieito, "as familias con crianzas xa teñen un lugar onde ver filmes de animación na nosa lingua".

PUBLICIDADE