A Mesa felicita á sociedade galega pola súa contribución ao acordo entre Netflix e a Xunta

martes, 15 de marzo do 2022 S. P.

A Mesa pola Normalización Lingüística emitiu un comunicado no que valora positivamente o acordo anunciado este 15 de marzo entre a Xunta e Netflix do que falamos en Código Cero, e que se dirixe a materializar a dobraxe e lexendaxe de máis de 60 filmes ao ano, con especial presenza de contidos infantís. Segundo lembra A Mesa, trátase dun dos puntos recollidos pola Iniciativa Xabarín impulsada pola entidade de defensa da lingua, que contou co apoio de 33.000 sinaturas e que concitou a unanimidade parlamentar. A proposición unánime do Parlamento Galego instaba á Xunta “a chegar a a acordos con outras administración e empresas co fin de garantir a opción dobrada e lexendada a galego”.
O presidente da Mesa, Marcos Maceira, lembrou “que o Parlamento galego foi o único do Estado en se facer eco da ampla demanda cidadá ante a exclusión do galego dos produtos audiovisuais, nomeadamente das grandes plataformas, que reuniu ducias de colectivos sociais, centos de estabelecementos comerciais e, finalmente, máis de 33000 sinaturas que permitiron o acordo unánime do Parlamento galego”. Na súa opinión, o conxunto da sociedade da nosa terra ten motivos de abondo para congratularse, “por ter sido a propia cidadanía o motor dun acordo útil para o galego e útil para todas as linguas do Estado, o que demostra que a unidade pola lingua é o mellor axente nornalizador".
O acordo entre a Xunta e Netflix chega en pleno debate no congreso sobre a Lei Audiovisual no que os puntos da Iniciativa Xabarín relativos ás grande plataformas estarán presentes grazas á Iniciativa polo audiovisual galego, no que participan entidades do ámbito académico, profesional, empresarial e lingüístico e que xa presentou as súas emendas aos principais grupos políticos.
"O obxectivo da Iniciativa Xabarín era que o audiovisual deixase de ser un ermo para o galego", recordou Maceira, "e nese sentido cónstanos que está a traballar a TVG, que disponibilizará a súa plataforma audiovisual con canle xabarín este ano, e avanza o acordo da Xunta con Netflix".
Maceira engadiu que segue a existir un importante materia pendente: “Só falta que a Lei Audiovisual camiñe tamén nese sentido, e niso está a traballar a Mesa conxuntamente coas entidades dos sector e cos partidos políticos".

PUBLICIDADE