A Mesa denuncia a escaseza de contidos audiovisuais en galego para o público infantil

xoves, 27 de abril do 2023 Redacción

A Mesa pola Normalización Lingüística presentou esta mañá en rolda de prensa o Informe Xabarín 2023, no que analiza a presenza do galego nos contidos infantís e xuvenís ofrecidos nas canles temáticas dispoñibles nas principais plataformas audiovisuais. Segundo este estudo, só a programación infantil e xuvenil da TVG garante unha mínima presenza do galego na grella das principais operadoras de servizos de televisión. No conxunto das operadoras analizadas (Movistar, Vodafone, R e Orange), o galego está presente un total de 2 horas e 25 minutos ao día, todos eles nas emisións da TVG2, un 0,83% do total de horas ofertadas.
Estes datos, unidos aos sociolingüísticos, confirman a necesidade e a urxencia da Iniciativa Xabarín que A Mesa espera que se comece a executar antes de setembro, tal e como lle indicaron desde a dirección da CRTVG. "O audiovisual é un sector estratéxico do punto de vista lingüístico, social, cultural e económico", recordou na presentación do informe o presidente da entidade de defensa da lingua, Marcos Maceira. "É fundamental para a supervivencia do idioma que, desde Galiza, o goberno galego se implique en asegurar máis e mellores contidos audiovisuais no idioma propio", asegurou, "nomeadamente para a infancia e a mocidade, poñendo todos os medios ao seu alcance". "A infancia e a mocidade galega precisan a referencia e o espazo audiovisual para poder usar o galego", sentenciou Maceira.
En relación ás plataformas audiovisuais de ámbito estatal, na pública RTVE Play a oferta infantil é do 0% mentres a xeral é de 0,53% con 4 filmes en versión orixinal en galego mais que nun caso (Cuñados) non se pode ver nesta versión e noutro (A illa das mentiras) resulta imposíbel acceder aos diálogos na nosa lingua. No resto de plataformas, a oferta en galego é do 0%, agás en Filmin, que conta con versións subtituladas ou dobradas en 0,30% do seu catálogo xeral e 0,74% do infantil. No conxunto de plataformas estatais, a presenza do galego é do 0,18% no catálogo xeral e do 0,28% do infantil e xuvenil. Nas plataformas internacionais é onde maior incidencia tiveron as campañas sociais desenvolvidas pola Mesa pola Normalización Lingüística. Con todo, o galego só conta con opcións dobradas ou subtituladas en Netflix e Prime Video. Netflix, cun 1,89% sería a única plataforma que malia non ter obrigas cumpriría os mínimos legais respecto ao galego que si teñen as plataformas estatais. No conxunto das tres analizadas (Netflix, Prime Video e HBO), o galego estaría nun 0,92% do catálogo xeral e no 1,1% do infantil.
Maceira denuncia que a obriga de garantir oferta en galego para o público até 12 anos é sabotada polas compañías públicas e privadas estatais, "coa complicidade do goberno español". "Todas as operadoras e plataformas de servizos televisivos seguen o exemplo da canle pública RTVE", asegura, "incumprindo a lexislación audiovisual" e "nin emiten nin dispoñen de oferta en galego, malia que segundo a Lei xeral de comunicación audiovisual tería que ser do 2,5 % da programación e do 1,5% catálogo de TVE e dos contidos das fornecedoras de servizos audiovisuais televisivos a petición de ámbito estatal".
Neste sentido, dende a Mesa recórdase que existe responsabilidade da Xunta na aplicación da Iniciativa Xabarín, votada unanimemente no Parlamento, mais tamén a obriga do goberno español de facer cumprir as súas propias leis. O presidente da Mesa denuncia, polo tanto, "o incumprimento sistemático das disposicións legais favorábeis ao galego aínda que, como neste caso, as obrigas sexan mínimas e nin sequera se aproximan á igualdade"
"Na oferta audiovisual", lamenta Maceira, "semella que o galego non ten ningún status legal e que a oficialidade non existe". "Que despois de 40 anos de lei de normalización lingüística aínda teña que ser a sociedade quen se mobilice para conseguir avances encanto os poderes públicos boicotean os seus propios acordos", denuncia, "é indicativo da supervivencia do desprezo polo galego". "Aos responsábeis públicos do goberno español e de RTVE non lles dá vergoña que corporacións como Netflix ou Amazon atendan máis as reclamacións cidadás e do parlamento galego?" pregunta Maceira.

PUBLICIDADE