A Memoria Dixital de Galicia dálle un novo pulo á conservación dos nosos fondos

venres, 3 de agosto do 2018 Redacción

Presentación das doazóns feitas polo Pazo de Pardiñas

Esta semana a Consellería de Cultura e Educación deu a coñecer un novo e importante traballo de recuperación documental ao abeiro do Arquivo de Galicia (emprazado na Cidade da Cultura) e o portal Galiciana.gal. Estamos a falar dos vindeiros traballos de conservación e divulgación do fondo documental do Pazo de Pardiñas, en Lalín. Na presentación dos traballos, amais do conselleiro Román Rodríguez (que informou da posta en marcha dunha liña de axudas para a dixitalización de fondos), participaron os membros da familia López López, propietaria do dito inmóbel e responsábel da doazón. Esta implicará a posta a disposición da cidadanía e dos investigadores do legado arquivístico do pazo, até o de agora inédito.
Rodríguez lembrou que “nestes intres os fondos do Arquivo de Galicia están conformados por 163.840 caixas que ocupan un volume de 18.857,89 metros”. Tamén destacou que as contribucións privadas representan aproximadamente un 1% sobre o total de fondos e que a doazón do Pazo de Pardiñas é a primeira proporcionada por unha entidade pacega ao Arquivo de Galicia.
Román Rodríguez salientou, ademais, que o departamento que dirixe acaba de poñer en marcha unha liña de axudas para a dixitalización de fondos patrimoniais, dirixida a entidades públicas e organizacións privadas sen fins de lucro e que conta cun orzamento total de 800.000 euros. Esta actuación enmárcase na iniciativa Memoria Dixital de Galicia para “promover a conservación do fondo patrimonial galego e para facilitar o seu acceso universal”. Isto, engadiu, garántese a través do portal www.galiciana.gal, posto en marcha o pasado mes de decembro “co obxectivo de consolidarse como a porta de paso a todos os fondos dixitais das bibliotecas, arquivos e museos de Galicia”, declarou.
Volvendo á achega do Pazo de Pardiñas, emprazado en Santa María de Noceda, en Lalín, trátase dun importante patrimonio documental que traza un percorrido por cinco séculos de historia da comarca do Deza e, en boa medida, do conxunto de Galicia. Máis polo miúdo, o fondo foi producido polos diferentes membros da familia desde a orixe do pazo, no século XVI, até 1942, e conforman un volume de 12 unidades de instalación. Os documentos están relacionados coa adquisición ou administración de propiedades (testamentos, árbores xenealóxicas, escrituras de compravenda e de doazón, memorias de bens, escrituras de partilla, apeos e prorrateos de bens, preitos...) tanto nas comarcas de Deza e Trasdeza como en terras do Ribeiro.

PUBLICIDADE