A Mancomunidade de Ordes reivindica o potencial turístico da comarca ante máis de 200.000 internautas

luns, 16 de outubro do 2023 S. P.

A Mancomunidade de Ordes, entidade formada polos concellos de Tordoia, Cerceda, Ordes, Mesía, Trazo, Oroso e Frades, acolleu esta fin de semana unha visita guiada (press trip) na que participaron media ducia de influencers vencellados ao eido turístico e gastronómico. Na súa estadía na comarca puideron coñecer e compartir nas súas canles os recursos culturais, patrimoniais e gastronómicos da comarca.
As personalidades participantes na iniciativa foron Beatriz Sotelo (Petiscos Galegos), Leti Varela, Fanny Pena (Engaliciamorate), Javi Collazo e Travelalwaystogether.
Durante a súa permanencia nos municipios que integran a Mancomunidade puideron visitar recunchos naturais como a fraga do Petón, en Frades, a ruta da fraga dos Muíños ou a Vía Verde, entre outros. Tamén descubriron elementos patrimoniais como a fortaleza de Mesía, o pazo de Galegos, en Frades, ou os Museos do Traxe Juanjo Linares, as brañas de Valga, onde se achegaron tamén ao museo do Barro, ou ao muíño de Xan, en Tordoia.
Non faltou tampouco o patrimonio gastronómico da comarca, xa que durante as dúas xornadas puideron degustar receitas típicas como o tradicional queique de Ordes.
Desde a área de Turismo da Mancomunidade celebran o éxito dunha iniciativa que “permite achegar os recursos da Mancomunidade a un gran número de público” xa que entre todas as personalidades participantes superan os 200.000 seguidores nas súas redes sociais.

PUBLICIDADE