A Mancomunidade de Ordes organiza unha visita guiada con seis influencers

mércores, 11 de outubro do 2023 S. P.

A Mancomunidade de Ordes organiza unha visita guiada os días 14 e 15 de outubro nos enclaves da comarca de Ordes para fomentar o turismo e a gastronomía dos sete concellos que integran este territorio da provincia coruñesa. Este proxecto innovador contará con instagramers e influencers especializados en turismo e gastronomía, de carácter nacional e internacional. O obxectivo é que poidan “vivir unha experiencia única na nosa comarca”, sinala a mancomunidade.
Na iniciativa participarán 6 persoas relevantes dentro do turismo, que teñen repercusión tanto en Galicia como en España e en países estranxeiros, Algúns destas figuras son Leti Varela, Petiscos Galegos, Travelalwaystogheter ou Engaliciamorate. En total, entre todos os participantes suman máis de 220.000 seguidores.
“Durante a súa visita, os creadores de contido descubrirán e gozarán de paisaxes naturais e lugares encantadores cunha historia rica e fascinante”, explica a mancomunidade, poñendo o foco na oportunidade que se lles brinda para que poidan deleitarse con pratos tradicionais preparados por cociñeiros locais, buscando mostrar así a calidade e variedade dos produtos gastronómicos, e como están relacionados coas tradicións e raíces da comarca.
Este proxecto, enmarcado dentro do acordo entre a Mancomunidade de Ordes como xestora do xeodestino Terras de Ordes e a Xunta de Galicia, ten por finalidade “ser un éxito que contribuirá a promover o turismo e a gastronomía e comercio na comarca”.

PUBLICIDADE