A Maker Faire Galicia 2023 abre o prazo para a presentación de proxectos innovadores

martes, 17 de xaneiro do 2023 S. P.

A feira de tecnoloxía colaborativa, aberta e argalleira máis importante do ámbito galego e estatal, a Maker Faire Galicia, abriu este martes 17 de xaneiro o prazo de presentación de propostas para makers de todo o mundo. Fíxoo co obxectivo de atopar e convocar “os proxectos máis innovadores”, en palabras da entidade organizadora, Design Thinkers and Makers SL. A novena edición da Maker Faire Galicia celebrarase do 1 ao 4 de xuño no Museo Gaiás da Cidade da Cultura.
As inscricións estarán abertas até o próximo 18 de abril, data a partir da cal a organización comezará a contactar cos proxectos seleccionados. A feira celebrarase do 1 ao 4 de xuño tanto no Museo Gaiás da Cidade da Cultura de Santiago de Compostela coma en liña a través da plataforma makerfairegalicia.com.
A feira, que se celebra anualmente, reúne tanto proxectos aplicábeis á industria como solucións innovadoras desenvolvidas en centros educativos ou proxectos de innovación social entre outros. Na súa última edición, que foi a 1ª híbrida, contou con máis de 60 expositores, 200 makers e máis de 10000 visitantes de todo o mundo.
As inscricións poden facerse a través da web da Maker Faire Galicia.
A 9ª edición da Maker Faire Galicia conta co apoio da Xunta de Galicia, o Concello de Santiago, a Fundación Cidade da Cultura e a Asociación para o Progreso da dirección APD. Realizarase coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía - Ministerio de Ciencia e Innovación.

PUBLICIDADE