A LaconNetwork celebrarase o vindeiro venres nun novo espazo de coworking en Ourense

martes, 26 de novembro do 2013 Marcus Fernández

O encontro gastronómico galego de emprendedores “coa cabeza nas nubes”, a LaconNetwork, chegará á súa edición número 45 o vindeiro venres, cando desprazarase ata a cidade das Burgas, concretamente ata o novo espazo de coworking Magma Espacio, para que os asistentes, aparte de compartir un xantar e a correspondente sesión de networking con outros emprendedores e profesionais do sector tecnolóxico galego poidan coñecer de preto este novo local destinado ao coworking.
A LaconNetwork supón desta volta unha excelente oportunidade para coñecer o último espazo de coworking aberto en Galicia, así como contribuír á relación de profesionais galegos do sector TIC, que se fomenta en boa medida ao trasladar este tipo de encontros por toda a nosa xeografía.
Os interesados en acudir poden inscribirse vía web, aboando 15 euros para sufragar un xantar que consistirá nuns petiscos variados (empanada, lacón, tortilla, sobremesa e café).

PUBLICIDADE