A Khan Academy recibirá o Premio Princesa de Asturias de Cooperación Internacional

xoves, 9 de maio do 2019 Marcus Fernández

As plataformas de ensino en liña supuxeron toda unha revolución, ao democratizar o acceso á formación dun xeito sen precedentes, e unha das iniciativas máis relevantes neste eido verase recoñecida este ano co Premio Princesa de Asturias de Cooperación Internacional, que recibirán o matemático e enxeñeiro Salman Khan e a Khan Academy, organización sen ánimo de lucro que achega recursos formativos de balde en 36 idiomas, contando con 18 millóns de alumnos ao mes e máis de 70 millóns de usuarios rexistrados.
A candidatura ao Premio naceu da proposta de Fran García del Pozo, fundador e director executivo de Generation Code, que nesta categoría busca recoñecer o labor de universalidade da educación e o avance económico, cultural e social dos pobos. Khan recibirá unha escultura de Joan Miró, un diploma, unha insignia e 50.000 euros en metálico nun acto que terá lugar en Oviedo o vindeiro outono.
A Khan Academy é unha iniciativa de Salman Amin Khan, quen tras axudar remotamente á súa curmá a estudar Matemáticas decidiu comezar a publicar vídeos explicativos en YouTube coas súas leccións, e vendo que tiñan cada vez máis visualizacións decidiu crear unha plataforma para ofrecer material educativo para todas as idades, de balde e a través da Internet, servindo así como unha ferramenta de grande utilidade para complementar a formación que se recibe nas aulas tradicionais. Aínda que naceu como unha plataforma orientada ás matemáticas, pouco a pouco abriuse a novos campos como as ciencias, a historia ou a gramática.

PUBLICIDADE