A Internet ultrarrápida chegará este ano a catro novos polígonos da Coruña

mércores, 24 de xaneiro do 2018 Redacción

Comeza o ano e, tal e como anunciou a axencia AMTEGA no balance dos días pasados (no que se fixo saber que máis de mil empresas de 51 polígonos galegos xa conta con acceso á Rede de alta velocidade), o ano 2018 ía ser un ano de importantes novidades neste avance da Internet avanzada polos nosos complexos industriais nos que a chegada das TIC de vangarda aínda segue a ser materia pendente. Este proceso, incluído no Plan de Banda Larga da Xunta, vai abranguer nos meses vindeiros catro novas superficies da provincia da Coruña, o que se saldaría cun total de 26 polígonos contactos ás redes ultrarrápidas da compañía de raizame galega R. Así o anunciaron esta mañá a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, o director xeral de R, Alfredo Ramos, e o delegado da Xunta en A Coruña, Ovidio Rodeiro.
Tamén se lembrou, ao remate de 2017 había xa 22 polígonos da provincia con este servizo. Agora, o roteiro a seguir é que na recta final de 2018 estean cubertos coas ditas tecnoloxías os 26 complexos empresarias previstos no Plan, que sumados aos que xa dispoñían deste servizo, “suporá que o 98% das superficies empresariais ocupadas da provincia terán acceso a redes de máis de 100Mbps”, explicouse na cita cos medios, na que tamén se fixo saber que estas actuacións estanse a complementar con recursos TIC ao alcance das empresas e autónomos do rural: axudas para que conten tamén con redes ultrarrápidas, unha liña de incentivos que xa se traduciu en preto de 400.000 euros destinados a subvencionarlles solucións específicas. Disto xa se beneficiaron máis de 30 empresas, que agora dispoñen de velocidades de acceso a Internet de entre 50Mbps e 350Mbps.
Volvendo aos traballos despregados nos polígonos, o resultado dos mesmos é que as empresas beneficiadas teñen ao seu alcance servizos de Rede a través de fibra óptica cunhas velocidades de até 350 Mbps de baixada e 35 de suba, “cunha garantía de caudal do 80% sen límite de descargas”. Como lembraremos, estas melloras tecnolóxicas están a ser desenvolvidas polo operador R, adxudicatario do Plan.
No acto tamén se fixo saber que os procesos de incorporación dos nosos complexos industriais á Rede de alta capacidade abren un abano de posibilidades que vai alén do simple fornecemento de infraestrutura. En palabras de R, achandan o camiño para que as empresas “acometan a súa transformación dixital”. Ou sexa, para que boten man de servizos e solucións na nube como por exemplo a videoconferencia, o acceso á Internet das Cousas (IoT) ou os procedementos do que se coñece como Industria 4.0, vencellados a conceptos e metodoloxías como a eficiencia enerxética, o control de intrusións nas edificacións, os servidores virtuais e a analítica de datos (Big Data), entre outros eidos. “Todas estas cousas e outras moitas máis”, explica a compañía de raizame galega, “son posíbeis grazas ás vantaxes das redes FTTH (Fiber To The Home) que levan a fibra óptica ata a propia empresa nestes polígonos xa conectados ás redes ultrarrápidas de R”.
AMTEGA subvenciona estes despregues cunha axuda de 3,4 millóns de euros, que se estima que xeren un investimento total de 5,2 millóns de euros. Estas subvencións co-fináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).
O Plan xa completou o despregue en 51 polígonos da Comunidade e este ano chegará aos 30 restantes. Deste xeito, en 2018, un total de 130 polígonos, que concentran case o 93% da superficie empresarial ocupada, disporán de acceso a redes de máis de 100 Mpbs.
Axudas para núcleos de poboación do rural
Tralas dúas primeiras actuacións orientadas a mellorar a conectividade no tecido empresarial, a AMTEGA vén de poñer en marcha a terceira actuación para facilitar o acceso a redes ultrarrápidas en zonas do rural que non contan con esta cobertura nin previsión de dispoñer destas redes.
O pasado día 15 xaneiro publicouse no DOG unha axudas, cun importe de 14,2 millóns de euros, dirixida a operadores de telecomunicacións para facilitar o acceso a internet de cando menos 100Mbps en núcleos de menos de 150 habitantes.
Os operadores poderán actuar en calquera das 26.386 entidades de poboación de menos de 150 habitantes e noutros 80 núcleos de entre 150 e 300 habitantes. Poderán presentar varios proxectos cunha subvención mínima de 20.000€ para cada un deles ata esgotar a dotación orzamentaria prevista. O prazo de presentación e dun mes a contar dende o día seguinte á publicación no DOG.
As redes coas que se dote ás entidades de poboación deberán proporcionar servizos de cando menos 100 Mbps de baixada e 20 de subida, non establecer limitacións de descargas e permitir a realización de comunicacións de voz e vídeo en tempo real.
A Administración autonómica concederá unha subvención máxima do 90% do custo total de cada proxecto. Estas subvencións cofináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).
Segundo se informou hoxe, esta medida a Administración autonómica actuará nos núcleos máis pequenos con fondos FEADER, mentres que o Estado focalizará os seus esforzos en cubrir as entidades de maior tamaño coas convocatorias xa en marcha e as que licite nos vindeiros anos no marco do Programa Nacional de Extensión da Banda Larga de Nova Xeración (PEBA).

PUBLICIDADE