A Internet móbil podería superar á fixa en 2015

mércores, 14 de abril do 2010 Marcus Fernández

Un estudo de Morgan Stanley ilustrou as tendencias máis importantes na Internet e realiza unha predición do futuro da Rede, de xeito que non só reflicte un incremento do comercio electrónico e outros indicadores, senón que destaca un xiro dramático a favor do uso da web dende o móbil, chegando a considerar que os dispositivos coma o iPhone, o Kindle, os smartphones, as consolas de videoxogos ou os tablets van superar aos accesos á Rede dende ordenadores de escritorio e portátiles en 2015, o que suporía un impresionante crecemento desta tendencia.
Os analistas sitúan coma o principal atranco que ten a Internet móbil é a falta de cobertura 3G, que este ano só chegará ao 21% do mundo pese a que en Europa chegue ao 54% da poboación e no Xapón chegue incluso ao 96% dos usuarios de telefonía móbil.
Dende Morgan Stanley tamén destacan a situación da chamada web social, que disparou o seu uso en 2007 e que na actualidade conseguiu eclipsar ao correo electrónico. Este cambio de tendencias queda moi claro ao lembrar que en 2006 os espazos web aos que os usuarios dedicaban máis tempo eran Yahoo e MSN, mentres que agora son Facebook e YouTube. Precisamente a converxencia entre as plataformas de redes sociais e os móbiles é a que está a disparar a popularización da Internet móbil.

PUBLICIDADE